Vázquez Abad presenta ao Parlamento o proxecto de Lei do Sistema Universitario de Galicia nacido dun amplo consenso cos axentes implicados para dar respostas á Galicia do século XXI

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria recordou que o proxecto de lei do Sistema Universitario de Galicia “parte dun amplo e sólido consenso acadado coa comunidade universitaria”, O 70% das achegas formuladas foron incorporadas ao anteproxecto de lei, e que “pode e debe enriquecerse nunha tramitación parlamentaria sustentada no diálogo”
Desde o respecto á autonomía das universidades e adecuación ao marco normativo estatal, o proxecto de lei supón o fortalecemento das nosas universidades co obxectivo de que brinden “unha oferta ampla, variada e de calidade aos cidadáns”
O proxecto normativo supón unha aposta pola coordinación e a colaboración das universidades e polos avances cualitativos do Sistema Universitario de Galicia
Mar, 09/04/2013 - 13:51
 Vázquez Abad presenta ao Parlamento o proxecto de Lei do Sistema Universitario
Vázquez Abad presenta ao Parlamento o proxecto de Lei do Sistema Universitario de Galicia nacido dun amplo consenso cos axentes implicados para dar respostas á Galicia do século XXI

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria compareceu no Parlamento para debater o proxecto de Lei do Sistema Universitario de Galicia. Na sesión plenaria de hoxe Xesús Vázquez Abad amosou a súa confianza en que a nova lei reforzará o Sistema Universitario de Galicia (SUG) sobre os piares da “racionalidade e da eficiencia” no marco do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), abrindo un marco de diálogo en sede parlamentaria que continúe a senda de “máximo consenso posible”. Desde o absoluto respecto á autonomía universitaria e tendo en conta tamén o obrigado encaixe no marco normativo estatal, o proxecto de lei supón o fortalecemento das nosas universidades e a harmonización das mesmas coas necesidades do século XXI –afondando na vía da coordinación e a colaboración–, co obxectivo de que brinden “unha oferta ampla, variada e de calidade”, dixo Vázquez Abad.

O proxecto de Lei do SUG suporáo fortalecemento das nosas universidades de acordo coas necesidades do século XXI no marco rexional, estatal e europeo. “Un camiño que −en palabras do conselleiro−, entendemos que pasa por promover a especialización formativa e investigadora das tres universidades, co obxectivo de acadar mellores niveis de competitividade e internacionalización.”

A norma procuraracionalizar a oferta docente de titulacións e de centros universitarios, de acordo coa demanda; o fomento da cooperación e a mobilidade interuniversitaria dentro do SUG; e o reforzo da función investigadora da Universidade. Asemade, promóvese, a maior internacionalización das nosas universidades; o acceso aos estudos superiores en igualdade de condicións e sen exclusión por razóns económicas, a través de programas autonómicos de axudas e bolsas ao estudo e á investigación; unha maior relación dos universitarios e dos titulados cos axentes socioeconómicos para procurar unha mellor inserción laboral; e a adopción de medidas que propicien a conciliación laboral e familiar dos traballadores das universidades, entre outras cuestións.

Á procura do máximo consenso

Vázquez Abad lembrou que o proxecto de lei supuxo a integración de “177 suxestións das 275 recibidas en total, o que implica que se incorporaron integramente o 65% das achegas recibidas; ao que hai que engadir que tamén se aceptaron parcialmente outras 13 suxestións, case o 5%. Así pois, froito do diálogo aberto pola Consellería, foron incorporadas ao anteproxecto de lei o 70% das achegas feitas polos grupos ou sectores aos que inflúe a regulación contida no mesmo.”

Concretamente, o conselleiro referiuse na súa comparecencia ástres universidades públicas que configuran o SUG, aos Consellos Sociais das mesmas, á Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, ás centrais sindicais, aos membros do Consello Galego de Universidades e, á propia cidadanía, xa que o anteproxecto foi sometido a exposición pública.

Estrutura do proxecto de lei

A futura lei recolle explicitamente que as universidades integrantes do SUG “realizan o servizo público de ensino superior universitario de Galicia mediante o exercicio da docencia, o estudo, a investigación, a creación, a difusión e a transferencia de coñecemento”. E neste título tamén se establece como obxectivo e fin do SUG a promoción do galego, en coexistencia co castelán e, se fora o caso, con outras linguas de interese para a docencia e a investigación.

O título I, “Da ordenación do SUG”, céntrase na definición dos principios aos que responde a actividade e a organización universitaria, reflicte as estruturas que poderán integrar as universidades e fixa os criterios para a creación e implantación de novas titulacións e centros en base a necesidades obxectivas e á especialización da oferta de títulos e campus, tendo en conta asemade os principios de descentralización e equilibrio territorial.

Na súa intervención parlamentaria, Vázquez Abad subliñou “a aposta pola coordinación e a colaboración das universidades”, tal e como recolle o título II do proxecto de lei. “Cremos −dixo o conselleiro−que é aquí onde se establecen os mecanismos para o fortalecemento do SUG e, de xeito especial, confiamos nos beneficios que traerán para o sistema e para as propias universidades o futuro Consorcio Interuniversitario Galego”. “Unha nova fórmula de colaboración entre as universidades para a xestión de servizos da súa competencia ou para a consecución de fins de interese común”, dixo

A lei complétase cos títulos III “Da Garantía da calidade Universitaria; IV “Dos consellos sociais das universidades públicas”; V “Da comunidade universitaria”; VI “Da actividade universitaria: a docencia, a investigación e a transferencia do coñecemento” e VII “Do financiamento das universidades do SUG”.

Dentro dos distintos títulos o conselleiro salientou o caracter innovador de título V, “Da comunidade universitaria”, onde se concreta un amplo catálogo de liberdades, dereitos e deberes do persoal docente e investigador, do persoal de administración e servizos e dos estudantes e tamén se lle dedica un artigo específico á lingua propia de Galicia –aceptando unha alegación da CIG--. Esta regulación complementa o disposto na Lei orgánica de universidades (LOU) e no Estatuto do estudante universitario; pero incide, ademais, na promoción e mobilidade dos membros da comunidade universitaria como instrumento de fortalecemento do sistema.

Asemade, o conselleiro expresou un recoñecemento público ao traballo desenvolvido polo equipo da Secretaría Xeral de Universidades para a elaboración consensuada deste proxecto normativo de futuro para Galicia. Concluíu Vázquez Abad lembrando que “logo dunha etapa de crecemento cuantitativo do SUG, é chegado o momento de centrarse en avances cualitativos e, para percorrer este camiño, cómpre unificar esforzos.”