Cultura E educación chega a Melide a mostra ‘Querido Balbino, 1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno labrego’

A mostra coa que a Xunta de Galicia lle rende tributo a unha das figuras máis emblemáticas da literatura galega continúa a percorrer as localidades da Rede de Dinamización Lingüística

O acto inaugural, ao que asistiron escolares e profesorado de secundaria melidenses, contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística

Mér, 03/04/2013 - 12:48
Cultura E educación chega a Melide a mostra ‘Querido Balbino, 1961-2011. 50 anos
Cultura E educación chega a Melide a mostra ‘Querido Balbino, 1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno labrego’

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inaugurou hoxe no edificio multiúsos de Melide a mostra “Querido Balbino, 1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno labrego”. A exposición chega a Melide no marco da itinerancia que está a ter nos concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia.

O obxectivo desta acción é ofrecerlle á cidadanía galega un achegamento de primeira man á traxectoria do libro máis lido da literatura galega, Memorias dun neno labrego e, asemade, un percorrido pola vida do autor da obra, o escritor e académico da lingua galega Xosé Neira Vilas.

Na inauguración oficial da mostra participaron o secretario xeral, Valentín García, e mais a rexedora melidense, Ánxeles Vázquez, acompañados por Neira Vilas.

Encontro de Neira Vilas con escolares

O edificio multiúsos acolleu, logo da apertura da mostra, un encontro de estudantes e de profesorado de 3º curso de secundaria e 1º curso de bacharelato co escritor, onde a rapazada falou con el arredor da súa obra e dos protagonistas das pezas que a conforman, nomeadamente Memorias dun neno labrego e mais o coñecido Balbino.

Xosé Neira Vilas leva percorrendo os centros de ensino de Galicia dende o ano 1992 para achegarlles as Memorias dun neno labrego ás nenas e aos nenos galegos. Durante os encontros, escritor e alumnado intercambian impresións sobre Balbino, o personaxe principal do libro. Amais, o alumnado adoita entregarlle ao autor debuxos ou cartas inspirados na lectura das experiencias vitais do pequeno protagonista.

Mostra-homenaxe a Balbino e ao seu creador

‘Querido Balbino’ articúlase en torno a dous eixos que guían o espectador a  través dun túnel de vitrinas. Dun lado, aparece representada a traxectoria vital do escritor a partir de fotografías, documentos e correspondencia que serven para marcar diferentes momentos relevantes da súa biografía. Doutro, diversos documentos e materiais amosan o periplo seguido polo propio libro e polo protagonista. Así, a mostra lembra as edicións, as adaptacións teatrais e audiovisuais que tomaron como referencia Memorias dun neno labrego -da que se levan sacado do prelo máis de 600.000 exemplares a día de hoxe- e conta cunha parte audiovisual na que se proxecta un documental sobre Balbino.

A mostra-homenaxe presenta tamén trece obras pictóricas de autores galegos, inspiradas no protagonista de Memorias dun neno labrego, concretamente de Paco Lareo, Chema Pazos, Rofer, Siro López, Damian Paio, Esperanza Lema, Antón Pulido, Xoán Domato, Xaquín Marín ou Sabela Arias entre outros. A visita inclúe un catálogo explicativo ilustrado por comentarios aparecidos ao longo destes 50 anos de vida da obra e exhibe un documento único: a Carta a Balbino que Xosé Neira Vilas lle dedicou ao seu “fillo” literario.

O catálogo explicativo da esposición pódese descargar no enlace web www.xunta.es/c/document_library/get_file?folderId=346894&name=DLFE-10916.pdf.

Achegarlle as letras galegas á cidadanía

A exposición leva en itinerancia dende abril do 2011, no que fixo medio século da publicación en Bos Aires de Memorias dun neno labrego, a obra máis lida da literatura galega e tamén a máis traducida a outras linguas (na actualidade xa está dispoñible en 17 idiomas e en preparación a edición en xaponés). 

Estes días recala en Melide tralo seu paso polas bibliotecas nodais e museos de Galicia e mais por localidades como Celanova, Verín, Lalín, A Estrada, Ponteceso, Betanzos, Ribeira, A Laracha, Sada, Arteixo, Val do Dubra, A Baña e Negreira. As vindeiras paradas serán, nas próximas semanas, Palas de Rei, Dodro, Rois e Padrón, todos eles concellos pertencentes á RDL da Xunta de Galicia.

Por medio desta acción, a Secretaría Xeral de Política Lingüística quere seguir dinamizando a lingua a través das nosas letras e tamén impulsar o gusto pola lectura entre a cidadanía, nomeadamente entre as persoas máis novas, redescubrindo a que xa é unha das pezas máis emblemáticas da literatura galega.

Menús News node R