Cultura e Educación celebra o Día do Libro Infantil e Xuvenil con diversas actividades nas bibliotecas nodais de Galicia

Exposicións, obradoiros de bookcrossing e contacontos son algunhas das propostas que teñen preparadas as bibliotecas nodais de Santiago de Compostela, Ourense, Lugo, A Coruña, Pontevedra e Vigo para o 2 de abril
Lun, 01/04/2013 - 15:23
2 de Abril: Día Internacional do Libro Infantil
2 de Abril: Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida a cidadanía a participar na conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil a través das diversas iniciativas que programan as bibliotecas nodais de Galicia con motivo desta celebración.

Obradoiros de bookcrossing, exposicións bibliográficas, contacontos para os máis pequenos e visitas guiadas ás bibliotecas son algunhas das propostas que teñen preparadas os centros bibliotecarios de Santiago de Compostela, da Coruña, de Lugo, de Ourense, de Vigo e de Pontevedra para o 2 de abril.

Desde 1967 celébrase nesta data o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, coincidindo co nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen. Con este motivo, a Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela promove unha mostra bibliográfica cos fondos da biblioteca baseados en contos do autor, que se poderá ver na sala infantil ata o 30 de abril.

Outras das exposicións bibliográficas coas que se celebra este día son as que organizan a Biblioteca Central de Vigo e a Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola. A mostra desta última, que se pode visitar desde hoxe ata o 14 de abril, preséntase baixo o título Andersen ilustrado e inclúe unha selección de libros de ilustradores galardoados co Premio Andersen.

Contacontos para os novos
A pirámide dos contos é o título da mostra bibliográfica coa a biblioteca nodal de Lugo se suma á conmemoración deste día e que, ademais, irá acompañada dunha sesión de contacontos para os máis pequenos arredor dalgunhas das historias que a conforman.

Os contacontos tamén estarán presentes na biblioteca nodal de Ourense, onde Susana Villar achegará os máis pequenos ao mundo da lectura a partir das 18:30 horas.

Compartir libros e lecturas a través do bookcrossing
As actividades relacionadas co bookcrossing tampouco faltarán na conmemoración do Día do Libro Infantil e Xuvenil. A Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés propón unha liberación de libros para o día 2 dirixida a todos os públicos, que se repetirá o 23 de abril, con motivo do Día do Libro.

Os nenos e nenas a partir de 8 anos tamén poderán participar na liberación de libros que organiza a biblioteca Ánxel Casal no marco dun obradoiro de bookcrossing que se desenvolverá entre as 18:00 e as 19:30 horas, previa inscrición. Antes de comezar o obradoiro, a biblioteca compostelá acollerá a lectura da mensaxe deste ano do Día do Libro Infantil e Xuvenil, baseado nun poema de Pat Mora.

Ao longo do día, a Ánxel Casal tamén propón visitas guiadas pola mañá, ás 12:00 horas, e pola tarde, ás 18:00 horas, para coñecer os espazos es os servizos que lles ofrece aos seus usuarios e usuarias.

As propostas audiovisuais tamén estarán presentes nesta celebración. O 2 de abril, a biblioteca nodal da Coruña inicia un ciclo de cinema galego que se desenvolverá ata mediados do mes de xuño e que organiza en colaboración co Centro Galego das Artes da Imaxe. O bosque animado será a primeira das proxeccións deste ciclo, que se realiza entre as 19 e as 20:30 horas.

Novidades editoriais para o público infantil e xuvenil

Ademais de celebrar con toda a cidadanía esta data a través das actividades que programan as bibliotecas nodais en toda Galicia, a Consellería de Cultura e Educación tamén aposta por favorecer a máxima difusión dos escritores, ilustradores e editores do libro infantil e xuvenil. Con este obxectivo, a Secretararía Xeral de Cultura, en colaboración coa Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, acaba de publicar o catálogo Galician Books for Children & Young Adults 2013.

A obra, que recolle as últimas novidades editoriais para os lectores máis novos, foi presentada a semana pasada na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña e tamén está accesible en liña a través da páxina web da Secretaría Xeral de Cultura, en http://cultura.xunta.es/publicacions.