Cultura e Educación reservará prazas nas ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño para o alumnado con discapacidade e deportistas de alto nivel

A Consellería adapta a normativa de admisión para dar resposta a estes colectivos
Ademais cámbiase a orde de prelación para dar prioridade ás persoas que nunca cursaran estes estudos
Lun, 25/03/2013 - 17:34
Cultura e Educación reservará prazas nas ensinanzas profesionais de artes plásti
Cultura e Educación reservará prazas nas ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño para o alumnado con discapacidade e deportistas de alto nivel

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reservará un mínimo do 5% do total das prazas dispoñibles en ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño ás persoas cunha minusvalidez de polo menos o 33% e outro 5% ás que teñan a condición de deportista de alto nivel e rendemento. Desta forma a Consellería adapta a normativa de admisión, dando resposta a estes colectivos. A modificación pode consultarse hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Ademais, a normativa modifícase no que respecta á orde de prelación para o acceso a estes estudos. Así, de entre as persoas que accedan a estas ensinanzas e estean exentos da realización da proba específica de acceso,  terán preferencias aquelas que cursaran previamente bacharelato, por diante dos xa titulados nalgunha ensinanza de Artes Plásticas e Deseño. Desta forma búscase dar oportunidade de acceder a estes estudos ás persoas que nunca os cursaron.

Tanto nos casos dos ciclos de grao medio destas ensinanzas profesionais como nos de grao superior, reservarase un mínimo do 50% ás persoas exentas da realización da proba específica de acceso, e un mínimo 35% ás que superen esta proba. Ademais, reservarase o devandito 5% para as persoas cunha minusvalidez de polo menos o 33%, e outro 5% para os deportistas de alto nivel.