Cultura e Educación reúne a preto de 300 docentes nas I Xornadas de desenvolvemento dos contratos-programa, unha nova iniciativa a prol da mellora da calidade e a loita contra o fracaso escolar

A EGAP acolle hoxe esta xornada, onde o profesorado dos 289 centros que asinaron este curso contratos-programa poderá afondar en diferentes metodoloxías para o éxito escolar

Sáb, 16/03/2013 - 11:35
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Man
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, inaugurou as I Xornadas de Desenvolvemento dos Contratos-programa

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reúne hoxe na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a preto de 300 docentes nas I Xornadas de Desenvolvemento dos Contratos- Programa, organizadas polo Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), unha nova iniciativa no marco da política da Consellería a prol da mellora da calidade educativa e da loita contra o fracaso escolar. O obxectivo desta xornada é que as profesoras e profesores dos 289 centros educativos de Galicia que este curso asinaron contratos-programa poidan afondar nas diferentes metodoloxías para acadar o éxito escolar, grazas a un completo programa de relatorios e obradoiros simultáneos arredor de cada unha das 5 liñas desta iniciativa, que foi impulsada o curso pasado por primeira vez pola Consellería.

A xornada, que foi inaugurada polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, comezou co relatorio do profesor de Bioquímica e Bioloxía Molecular da USC Germán Sierra, Neurociencia e aprendizaxe. O programa da mañá complétase cun relatorio do pedagogo e orientador Joan Vaello arredor dos beneficios dun bo clima de aula para a motivación do alumnado.

Pola tarde as xornadas organizaranse en tres sesións consecutivas con catro obradoiros simultáneos en cada unha delas. Así, na primeira sesión abordarase a experiencia do IES Poeta Díaz Castro (Guitiriz) coa exposición oral como instrumento de coordinación nun centro educativo, da man do docente Antonio Frade. Ademais, Laura Álvarez e Inés Ares, do CEIP Príncipe Felipe (Pontevedra), presentarán as posibilidades da expresión artística como canle para a resolución de conflitos; mentres que Javier García, do IES Fin do Camiño (Fisterra), abordará a mediación no seu relatorio.

Na segunda sesión impartiranse dous obradoiros relacionados coa convivencia: A educación emocional e o acompañamento escolar, impartido por Silvia Folgueira (CEIP Pilar Maestu Sierra, da Pobra do Caramiñal); e A xestión da convivencia no IES Isidro Parga Pondal, da man de Mª Jesús Pérez e Lourdes Otero, do devandito centro carballés. Ademais, Javier Méndez, do CPI Plurilingüe dos Dices (Rois) será o responsable do obradoiro A robótica educativa, e Miguel Ángel Vidal (IES Pedro Floriani, de Redondela) serao de “Doblando las mates”: achegándonos ás matemáticas a través do origami.

A última das sesións será a quenda de Mª Begoña Muñoz e Aurora Ramilo, do CEIP de Leirado (Salvaterra de Miño), con Aprender facendo, e de Eva Garea, do IES Plurilingüe de Ames, que abordará a interdisciplinariedade do traballo por proxectos. Ademais Covandonga Rodríguez, do IES de Mugardos, afondará nos medios para procurar a mellora na calidade dos centros educativos; e Blandina Peña e Rosa Blanco, do CEIP Plurilingüe A Pedra (Bueu) tratarán a motivación como principio de integración e aprendizaxe.

Éxito da segunda convocatoria

A Consellería de Cultura e Educación asinou contratos-programa cun total de 289 centros educativos. Deste xeito quedou confirmado o éxito da segunda convocatoria desta iniciativa, á que se presentaron 314 centros, con propostas para o desenvolvemento de 527 actuacións, o que supuxo duplicar o número de solicitudes do ano anterior, mostra do interese da comunidade educativa.

Os centros participantes no curso 2012/2013 desenvolven un total de 417 actuacións, 256 delas para o reforzo, orientación e apoio; 91 de mellora da lectura, escritura e cálculo; 34 para a mellora da convivencia; 6 dirixidas á redución do abandono escolar; e 30 para favorecer a excelencia educativa. Un total de 99 colexios e institutos asinaron contratos-programa con 2 ou máis liñas de actuación.

O obxectivo é que se beneficien destes contratos-programa preto de 35.800 alumnas e alumnos de toda Galicia, grazas á implicación de 2.950 docentes. Pola súa parte, a Consellería inviste nesta iniciativa máis de 3,27 millóns de euros.