A Fundación Repsol apoia a literatura en galego cunha nova edición do seu Premio de Narrativa Breve

A Secretaría Xeral de Política Lingüística asinou un convenio de colaboración coa entidade para a convocatoria e o desenvolvemento deste galardón

Xov, 13/05/2010 - 14:34

A Fundación Repsol e a Secretaría Xeral de Política Lingüística asinaron esta mañá un convenio de colaboración para a convocatoria e o desenvolvento da cuarta edición do Premio Narrativa Breve Repsol, creado en 2006 pola refinería de Repsol na Coruña.

O acto estivo presidido polo secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e polo vicepresidente executivo da Fundación Repsol, Enrique Locutura, que rubricaron o acordo na Fundación Luís Seoane da Coruña.

Durante a súa intervención, o secretario xeral aproveitou o escenario da sinatura do convenio para recordar o labor impulsado por Luís Seoane a prol da literatura galega. “O intelectual galeguista –afirmou o secretario xeral– deuse de conta de que, naquelas circunstancias, alguén tiña que asumir a responsabilidade de darlle continuidade ao discurso literario galego e el fíxoo creando editoriais, alentando proxectos e estimulando os escritores para que non deixasen de escribir na lingua propia de Galicia”.

“Afortunadamente –engadiu Anxo Lorenzo–, na actualidade, existen en Galicia institucións de noso que velan por que o galego sexa un sistema literario normalizado; e, ademais, hai entidades privadas, como o caso da Fundación Repsol, que entenden que deben participar no fortalecemento dese sistema, formando parte del como estimuladores, tal e como fixera Luís Seoane, hai máis de cincuenta anos”.

Neste sentido, o secretario xeral trasladoulle os seus parabéns á Fundación Repsol “por entender que estar radicados nun territorio implica asumir unha responsabilidade social con este, que neste caso concreto se traduce na convocatoria dun premio que xa é peza importante do sistema literario galego”.

O compromiso da Fundación Repsol coa lingua e a cultura galegas

Pola súa banda, o vicepresidente executivo da Fundación Repsol destacou o compromiso desta entidade coa lingua e a cultura galegas, que se manifesta a través de numerosas iniciativas, como “o patrocinio á Orquestra Sinfónica de Galicia, a Fundación Luís Seoane ou o premio que hoxe nos reúne”.

Ademais, Enrique Locutura referiuse á narrativa breve como “unha manifestación de creatividade literaria que se caracteriza pola brevidade extrema, a economía da linguaxe, os xogos de palabras e a representación de situacións estereotipadas”. Malia todo, “esta característica de brevidade e economía da linguaxe –engadiu– non debe confundirse coa simplicidade, xa que o formato de conto breve esixe do autor uns excelentes recursos lingüísticos para narrar unha historia real ou ficticia nun pequeno espazo”.

Por iso, “o futuro da narrativa breve é tan grande como o sexa a imaxinación dos nosos creadores”, concluíu o vicepresidente executivo da Fundación Repsol.

As bases do premio

O premio, que este ano chega á súa cuarta edición, está dotado con 9.000 euros e a publicación da obra. Os autores e autoras que o desexen –agás a persoa gañadora da edición anterior– poderán concorrer cunha obra escrita en lingua galega.

As obras orixinais e inéditas teñen que ter unha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120 e deberanse enviar á Refinaría de Repsol na Coruña antes do 21 de xullo de 2010.

A decisión do xurado, que estará composto por cinco membros, será inapelable e farase pública no mes de setembro. Por outra parte, a entrega do Premio terá lugar antes de que finalice o ano nun acto público que se celebrará na cidade da Coruña.

Orixes e percorrido do galardón

O Premio de Narrativa Breve Repsol foi creado no ano 2006 pola refinería de Repsol na Coruña e impulsado de forma conxunta coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia co obxectivo de promover a lingua e a literatura galegas. Ademais, desde o seu inicio, conta co apoio da Real Academia Galega, da Asociación Galega de Editores e da Asociación de Escritores en Lingua Galega, así como coa estreita colaboración da Editorial Galaxia, que editou as obras gañadoras das pasadas convocatorias.

Na primeira edición, en 2006, o xornalista Miguel Sande fíxose con este galardón pola súa obra Se algún día esta muller morta e Xavier Lama, profesor da USC e xornalista, acadou un accésit por O insomnio dos centauros. A gañadora da segunda edición foi a obra Así nacen as baleas, da escritora Anxos Sumai. Na terceira edición, en 2008, o narrador, dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro obtivo o galardón polo traballo A verdade como mal menor.

Menús News node R