Estudantes de galego en Cataluña visitan Galicia para tomar contacto coa realidade lingüística e cultural da comunidade

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, recibiu hoxe 35 alumnos e alumnas de 2.º e 3.º da ESO que participan no proxecto Galauda
Mar, 11/05/2010 - 14:20
O secretario xeral de Política Lingüística coas alumnas e alumnos
O secretario xeral de Política Lingüística coas alumnas e alumnos

Un total de 35 alumnos e alumnas que cursan estudos de lingua e cultura galegas en Cataluña están estes días visitando Galicia  no marco do proxecto Galauda, un programa de aprendizaxe de galego do que forman parte nos seus centros de ensino.

Os estudantes, que cursan 2.º e 3.º de ESO, foron recibidos esta mañá polo secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, no recinto monumental de San Roque de Santiago de Compostela. O secretario xeral estivo acompañado pola profesora da Universitat de Barcelona Sabela Labraña, unha das impulsoras do proxecto Galauda e que acompaña o alumnado nesta viaxe, xunto con catro profesores máis.

Anxo Lorenzo referiuse ao proxecto Galauda como “un programa novidoso, interesante e con implicacións que van máis alá do coñecemento dunha lingua e dunha cultura”, xa que permite conectar, desde o coñecemento, dúas realidades lingüísticas e culturais –a catalá e a galega– próximas, pero diferentes. Ademais, o secretario xeral incidiu na importancia de que o alumnado respecte e coñeza outras linguas e culturas para formarse como persoas.

Pola súa banda, a profesora Sabela Labraña afirmou que en Cataluña se dan as condicións idóneas para favorecer a aprendizaxe da lingua galega, debido, entre outros factores, á importante poboación con raíces galegas. Malia todo, destacou que a maioría do alumnado que actualmente participa no proxecto Galauda non é descendente de galegos. Ao mesmo tempo, lembrou que “o programa contribúe a crear unha cultura de respecto á diversidade identitaria e á convivencia baseada no entendemento mutuo”.

Contacto directo coa realidade lingüística e cultural de Galicia

Os estudantes, que chegaron o pasado día 6 a Galicia, proceden dos institutos Sant Just Desvern e Margarida Xirgu. Esta viaxe que prologarán ata mañá mércores permítelles aos estudantes achegarse á realidade lingüística e cultural de Galicia, promover o uso e o contacto directo co idioma e coa
cultura galegas, coñecer diferentes mostras do patrimonio xeográfico e cultural galego e manter un intercambio directo co alumnado de Galicia. De feito, onte pola tarde, en Lugo, o alumnado catalán realizou un intercambio educativo con estudantes do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes.

Ademais, durante estes días tamén tiveron tempo para visitar lugares como as fragas do Eume, a localidade de Cambados, diferentes puntos de interese da cidade da Coruña, como a torre de Hércules ou o monte de San Pedro, ou Santiago de Compostela.

O proxecto Galauda: aprender galego en Cataluña

Desde o ano 1999 é posible estudar galego nos centros de educación secundaria de España; unha realidade que comezou, precisamente, en Cataluña, como unha iniciativa nacida na Universitat de Barcelona e na que colaboran as administracións autonómicas galega e catalá.

O proxecto educativo que desenvolven diversos institutos cataláns na ensinanza da lingua galega, denominado Proxecto Galauda, é moi activo, xa que inclúe, entre outras actividades, a elaboración de materiais de aprendizaxe ou o ensino do idioma a través dunha vertente artística, como as clases de teatro galego.

O pasado curso 2008-2009 participaron neste proxecto un total de 162 alumnos e alumnas, que cursaron a materia optativa de galega no IES Alella, no IES Arquitecte Manuel Raspall, no IES Les Vinyes, no IES Margarida Xirgu, no IES Narcís Monturiol, no IES de Sales, no IES Salvador Dalí e mais no IES Sant Just Desvern.

Menús News node R