O conselleiro de Cultura e Educación asina contratos-programa con 94 centros educativos da provincia da Coruña
Xesús Vázquez Abad salientou o esforzo do profesorado para poñer en marcha actuacións deseñadas para o éxito escolar do alumnado
Mér, 06/02/2013 - 13:30
 O conselleiro de Cultura e Educación asina contratos-programa con 94 centros ed
O conselleiro de Cultura e Educación asina contratos-programa con 94 centros educativos da provincia da Coruña

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou hoxe contratos-programa con representantes de 94 centros educativos da provincia da Coruña, nun acto na delegación da Xunta na cidade herculina. Ao asistiron, ademais, a delegada da Xunta na provincia, Belén do Campo; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o subdirector xeral de Ordenación, Innovación Educativa e Formación do Profesorado, Manuel Vila; e o xefe territorial da Consellería na Coruña, Indalecio Cabana.

Vázquez Abad agradeceu aos representantes dos centros a súa participación na segunda convocatoria dos contratos-programa, “especialmente a todos aqueles que o ano pasado participastes no Programa de Iniciativas de Mellora (PIM) proposta desde a Consellería a algúns centros para a mellora do éxito escolar”. “Este curso, porén, -dixo- vós dades un paso máis e propoñedes vós as iniciativas más acaídas para avanzar cara a mellora de resultados”. Neste sentido o conselleiro destacou a satisfacción do seu departamento “coa resposta dos centros educativos e coa implicación e alto compromiso dos 954 profesores da provincia que participades nesta segunda convocatoria”. “A vosa máxima profesionalidade como docentes quedou xa de manifesto, non en balde todos os programas que hoxe asinades naceron para cubrir unha necesidade de apoio ou de estímulo dun estudante”, dixo.

Actuacións desenvolvidas

O conselleiro explicou que este ano os centros coruñeses desenvolverán 143 actuacións, 78 delas na liña de reforzo, acompañamento e apoio, 30 para a mellora da lectura da escritura e do cálculo, 16 para a mellora da convivencia 5 para a redución do abandono e 14 a prol da excelencia educativa. En total participarán éxito escolar 94 centros da provincia, 23 máis dos que o ano pasado formaron parte dos contratos-programa e do PIM, desenvolvendo un 32,4% máis de actuacións, das que se beneficiarán máis de 11.600 estudantes, un incremento de máis de 6.700 beneficiados respecto do curso anterior.

Dos centros participantes, 30 asinaron hoxe contratos-programa en 2 ou máis liñas de actuación diferente, chegando a 4 liñas nos casos dos IES Afonso X o Sabio (Cambre), Agra do Orzán (A Coruña), Urbano Lugrís (Malpica de Bergantiños), e do IES de Melide.

Profesores de reforzo

Vázquez Abad destacou o esforzo económico realizado pola Consellería “nestes tempos de crise, investindo máis de 3,27 millóns de euros para respaldar estas actuacións, dos que máis de 1 millón de euros se destinan a centros da provincia de Coruña”.

Así mesmo, salientou que este curso se mantén a dotación de profesorado a maiores para o desenvolvemento dos contratos-programa, un total de 65 docentes en Galicia, 17 deles na provincia da Coruña.

Éxito da iniciativa

A Consellería de Cultura e Educación asinará contratos-programa cun total de 289 centros educativos. Deste xeito quedou confirmado o éxito da segunda convocatoria desta iniciativa, á que se presentaron 314 centros, con propostas para o desenvolvemento de 527 actuacións, o que supuxo duplicar o número de solicitudes do ano anterior, mostra do interese da comunidade educativa.

Os centros participantes no curso 2012/2013 desenvolverán un total de 417 actuacións, 256 delas para o reforzo, orientación e apoio; 91 de mellora da lectura, escritura e cálculo; 34 para a mellora da convivencia; 6 dirixidas á redución do abandono escolar; e 30 para favorecer a excelencia educativa. Un total de 99 colexios e institutos asinaron contratos-programa con 2 ou máis liñas de actuación.

O obxectivo é que se beneficien destes contratos-programa preto de 35.800 alumnas e alumnos de toda Galicia, grazas á implicación de 2.950 docentes, dos que 65 foron contratados a maiores pola Consellería, que inviste nesta iniciativa máis de 3,27 millóns de euros.