Xesús Vázquez Abad visita no MUPEGA ‘Luces de alén mar’, unha mostra que dá conta do intenso traballo feito pola emigración galega en América a prol do fomento educativo

O conselleiro de Cultura e Educación participou xunto ao secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e ao presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, na visita á exposición itinerante que chega ao centro de referencia no ámbito educativo, o Museo Pedagóxico de Galicia.

Mér, 06/02/2013 - 11:54
Xesús Vázquez Abad visita no Mupega ‘Luces de alén mar’, unha mostra que dá cont
Xesús Vázquez Abad visita no Mupega ‘Luces de alén mar’, unha mostra que dá conta do intenso traballo feito pola emigración galega en América a prol do fomento educativo

O titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, visitaron hoxe no MUPEGA a exposición ‘Luces de alén mar’. O percorrido foi guiado polo comisario da mostra, o investigador e profesor universitario Vicente Peña Saavedra. A mostra, que homenaxea o traballo da emigración ultramarina para o noso desenvolvemento educativo, inaugurarase esta tarde e permanecerá aberta até o próximo 28 de xuño.

‘Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia’ consta de 41 paneis temáticos e abondosos materiais orixinais –como traballos de alumnos, estatutos, regulamentos, libros de actas ou planos das escolas–, que permiten reconstruír e interpretar o enorme labor educativo e cultural realizado a prol do desenvolvemento social e do progreso de Galicia desde a outra beira do Atlántico.

‘Luces de alén mar’ conmemora, dunha banda, a efeméride do centenario fundacional das Sociedades Galegas de Instrución radicadas en América, e doutra, as súas realizacións académicas e vizosas realidades nas localidades de procedencia dos emigrantes. Trátase, polo tanto, dunha mostra itinerante que expón e explica o compromiso das sociedades de emigrantes galegos coa instrución na súa terra de orixe. Neste sentido cómpre lembrar que varios centos de escolas foron construídas nas décadas finais do século XIX e no primeiro terzo do século XX grazas á multitude de iniciativas de intervención escolar mancomunada que xermolaron neste período.

A exposición poderá ser visitada desde mañá e até o vindeiro 28 de xuño no primeiro andar do MUPEGA. O museo permanecerá aberto de martes a sábado en horario de 10.00 a 14.00 h. e de 16.00 a 20.00 h., a entrada será gratuíta.