Cultura e Educación leva ‘O Señor das dunas’ a Rois, Outeiro de Rei e Cospeito durante a fin de semana

A actividade de dinamización lingüística enmárcase na programación que a consellería dirixida por Vázquez Abad promove na Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia

Sáb, 02/02/2013 - 10:01
Cultura e Educación leva ‘O Señor das dunas’ a Rois, Outeiro de Rei e Cospeito d
Cultura e Educación leva ‘O Señor das dunas’ a Rois, Outeiro de Rei e Cospeito durante a fin de semana

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria segue a programar actividades de promoción do uso do galego nos concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. Así, no marco do programa ‘FalaRedes’, impulsado a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e destinado a máis dun cento de entidades da RDL, o espectáculo de narración oral ilustrada en area do “Señor das dunas” chega entre hoxe e mañá aos concellos de Rois, Outeiro de Rei e Cospeito.

O auditorio do Centro Multiúsos de Rois acollerá hoxe ás 18:00 horas a primeira das sesións; a Casa da Cultura de Outeiro de Rei farao mañá, domingo, ás 12:00 horas; e, tamén mañá, a Casa da Cultura da Feira do Monte de Cospeito ás 18:00h. A entrada a todos os pases é de balde ata completar a capacidade.

FalaRedes

O programa ‘FalaRedes’, que comezou en marzo de 2012, é o primeiro dos programas de dinamización lingüística que a Secretaría Xeral de Política Lingüística lle destinou en exclusiva a máis dun cento de entidades pertencentes á RDL. Os seus obxectivos, emanados do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega son, entre outros, os de  crear espazos de uso e de aprendizaxe do galego vencellados ao lecer, á cultura xuvenil e ás tecnoloxías da información e da comunicación para promover unha imaxe da lingua ligada á modernidade e aos valores positivos.

Amais de ‘O Señor das dunas’, outras dúas actividades movéronse por Galicia no marco de ‘FalaRedes’: ‘Galego de cine’, dirixida ao público infantil, percorreu o país proxectando curtametraxes no interior dunha caravana reconvertida en sala de cinema e creando curtametraxes cos cativos que xa se poden ver na web www.galegodecine.org.

As tecnoloxías da información e da comunicación tamén foron clave na outra das iniciativas, ‘Titerehop’, que fomentou a música en galego e a creación audiovisual entre os adolescentes e forneceu a rede cun bo número de creacións orixinais feitas polos participantes. Todas elas poden verse en http://titerehop.wordpress.com/.

Toda a información sobre FalaRedes está dispoñible no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes e tamén nas redes sociais.

Menús News node R