Cultura e Educación convoca as probas libres para a obtención dos títulos de graduado en ESO e de bacharelato
Os maiores de 18 anos poderán concorrer ao exame para a obtención da titulación en educación secundaria obrigatoria, mentres que para o bacharelato a idade mínima para presentarse á proba son os 20 anos
Sáb, 02/02/2013 - 10:00
Cultura e Educación convoca as probas libres para a obtención dos títulos de gra
Cultura e Educación convoca as probas libres para a obtención dos títulos de graduado en ESO e de bacharelato

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar as probas libres para a obtención do título en graduado en educación secundaria obrigatoria para maiores de 18 anos, e para quen teñan os 20 cumpridos e desexen concorrer ao exame para obter a titulación en bacharelato. Trátase dunha aposta do departamento educativo da Xunta de Galicia polo impulso da formación ao longo da vida, que complementa á ampla rede de centros públicos que imparten ensinanzas regradas dirixidas ás persoas adultas, nos que estudan máis de 20.000 alumnas e alumnos.

Estas probas libres, cuxa convocatoria publicouse no Diario Oficial de Galicia do 29 de xaneiro – no caso da ESO- e de 1 de febreiro – no do bacharelato-, permiten ás persoas interesadas obter un título académico mediante un único exame. Toda a información sobre as convocatorias pode consultarse no enlace web /portal/node/1238 .

Título de bacharelato

O prazo para a inscrición nas probas libres para a obtención do título de bacharelato, que teñen unha única convocatoria anual, abrirase do 18 ao 28 de febreiro, para un exame que se realizará o 26 de abril. Os interesados poderán formalizar a súa inscrición no centro EPA Eduardo Pondal (A Coruña), no IES San Clemente (Santiago de Compostela), e nos centros EPA Albeiros (Lugo), de Ourense, Río Lérez (Pontevedra), e Berbés (Vigo).

A proba constará de dous exercicios, un común sobre os contidos de Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura, Lingua Estranxeira, Ciencias para o Mundo Contemporáneo, Filosofía e Cidadanía, Historia da Filosofía e Historia de España; e un segundo, diferente para as modalidades de Ciencias e Tecnoloxía e de Humanidades e Ciencias Sociais, de acordo coas súas respectivas materias.

As persoas que superen a proba poderán solicitar unha certificación das cualificacións obtidas para que poidan xuntala á documentación de solicitude de prazas en ciclos de FP de grao superior.

Graduado en ESO

No caso das probas para a obtención do graduado en ESO, que se celebrarán o 31 de maio e o 12 de setembro, o prazo de inscrición estará aberto do 2 ao 15 de abril para a convocatoria de maio e do 1 ao 8 de xullo para a de setembro.

Debido ao gran número de persoas que realizan estas probas, para a súa inscrición o alumnado distribúese polas iniciais dos seus apelidos. Así, os centros de inscrición nas diferentes cidades de Galicia serán os seguintes:

A Coruña

Centro EPA Eduardo Pondal (apelidos do A ao L)

IES Rafael Dieste (do M ao Z)

Santiago

IES San Clemente (do A ao L)

IES Rosalía de Castro (do M ao Z)

Ferrol

Centro EPA Santa María de Caranza (todas as inscricións)

Lugo

Centro EPA Albeiros (todas as inscricións)

Ourense

Centro EPA de Ourense (todas as inscricións)

Pontevedra

Centro EPA Río Lérez (apelidos do A ao L)

IES Sánchez Cantón (do M ao Z)

Vigo

 

Centro EPA Berbés (do A ao F)

IES Politécnico (do G ao O)

IES Santa Irene (do P ao Z)

O exame constará de probas con exercicios das materias de Matemáticas, Ciencias da Natureza e Tecnoloxía, aspectos relacionados coa saúde e o medio natural recollidos no currículo da Educación Física, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Educación para a Cidadanía e aspectos perceptivos correspondentes ás materias de Educación Plástica e Visual, e Música. Así mesmo, os aspirantes deberán superar exercicios de Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura e Lingua Estranxeira.