A Avaliación de diagnóstico 2012 da Consellería de Cultura e Educación detecta unha mellora na competencia matemática do alumnado de 4º de primaria e na lingüística en 2º da ESO

A proba realizouse en maio do ano pasado entre 44.447 estudantes de toda Galicia
O Plan LÍA 2011/2015, posto en marcha pola Consellería, está a dar os seus froitos, a través dos positivos resultados na comprensión lectora
A lectura e traballo diario, o bo clima na aula e o índice socioeconómico do centro son outros factores que inflúen favorablemente nos resultados acadados
Sáb, 19/01/2013 - 10:00
A Avaliación de Diagnóstico 2012 da Consellería de Cultura e Educación detecta u
A Avaliación de Diagnóstico 2012 da Consellería de Cultura e Educación detecta u

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria detectou unha mellora nos niveis de rendemento na competencia matemática entre o alumnado de 4º de primaria e na competencia en comunicación lingüística entre o de 2º da ESO. Así o reflicte o informe elaborado polo departamento educativo da Xunta de Galicia sobre a Avaliación de Diagnóstico realizada o pasado mes de maio entre 44.447 estudantes destes dous niveis educativos que no curso 2011/2012 estiveron matriculados nalgún dos 1.092 centros participantes.

A proba confirmou ademais os froitos que está a dar o Plan de bibliotecas escolares para a Lectura, a Información e a Aprendizaxe (Plan LÍA 2011/2015). Neste sentido, os estudantes continúan a presentar bos resultados na competencia en comunicación lingüística, especialmente no que atinxe á comprensión escrita e oral. De feito, as circunstancias analizadas proban que o alumnado que le, polo menos, 30 minutos ao día obtén mellores resultados.

Áreas competenciais

A Avaliación de Diagnóstico de 2012 testou o nivel de desenvolvemento do alumnado nas competencias en comunicación lingüística, matemática e no coñecemento e interacción co mundo físico, analizando nelas diferentes elementos.

Na competencia en comunicación lingüística, tanto en 4º de Primaria como en 2º da ESO o alumnado obtén bos resultados en comprensión oral e lectora, mentres que ten dificultades na expresión escrita.

No caso da competencia matemática, os elementos analizados en cada etapa foron diferentes. Así, as alumnas e alumnos de 4º de Primaria acadaron mellores resultados no apartado de azar e probabilidade, mentres que amosaron menos destreza no que se refire ao apartado de espazos e formas. Pola súa banda, os estudantes de 2º da ESO rexistraron bos niveis de execución en funcións e gráficas e en álxebra, ao tempo que tiveron dificultades en xeometría e contidos comúns.

No que atinxe ao coñecemento e a interacción co mundo físico - tamén con distintas elementos analizados en cada unha das etapas- os mellores resultados para 4º de Primaria déronse nas cuestións sobre ciencia, tecnoloxía e sociedade e materia e enerxía; mentres que se detectaron dificultades no bloque do contorno próximo e a súa conservación. No caso da secundaria, o alumnado obtivo bos resultados en cuestións sobre ciencia, tecnoloxía e sociedade e os seres vivos; e máis dificultades en materia e enerxía.

Niveis de rendemento

Nesta avaliación establécense cinco niveis de rendemento para cada competencia, o que determina que as puntuacións do alumnado se estruturen do mesmo xeito. Isto permite cuantificar a porcentaxe de alumnado que hai en cada un deles. Neste sentido, en liñas xerais máis do 70% do alumnado avaliado sitúase nos niveis intermedios - niveis de rendemento 2, 3 e 4-.

En 4º de Primaria aumenta o número de estudantes nos niveis intermedios na competencia matemática ata o 75,3% - fronte ao 70,4% da avaliación do 2011-, e o 7,9% sitúase no nivel superior – o 5-. Na competencia en comunicación lingüística, o 71,4% da poboación avaliada sitúase nos niveis intermedios, aumentándose en 2 puntos porcentuais – ata o 11,7%- a porcentaxe do alumnado no nivel 5. Respecto da competencia no coñecemento e na interacción co mundo físico, a porcentaxe de alumnado de 4º de Primaria no nivel intermedio ascende ao 77,8%, e a un 11% no nivel alto – un 1% máis ca na avaliación de 2011-.

No caso de 2º da ESO, increméntase o número de rapaces nos niveis intermedios na competencia en comunicación lingüística ata o 74,4% - fronte ao 71% da avaliación anterior-. Na competencia matemática, a porcentaxe do alumnado nos niveis 2,3 e 4 é do 76,3%; un 77,3% na de coñecemento e interacción co mundo físico.

Influencia do xénero e ISEC

No que atinxe aos resultadospor xénero, tenden a suavizarse as diferenzas entre nenas e nenos en educación primaria, respecto de avaliacións anteriores. Así, a media das nenas na competencia en comunicación lingüística supera en 9 puntos á lograda polos nenos, que obteñen unha puntuación 10 puntos maior que a media das nenas na competencia matemática. No caso da ESO, mantense a tendencia da etapa anterior. Así, as alumnas superan en 24 puntos a media obtida polos alumnos na competencia en comunicación lingüística e os alumnos superan en 15 puntos a media das alumnas na competencia matemática. Na competencia no coñecemento e interacción co mundo físico, a diferenza é de 10 puntos a favor dos nenos.

Os resultados foron ademais analizados tendo en conta factores como o contexto social, económico e cultural do centro. Para iso, á hora de elaborar a baremación utilizouse o denominado índice socioeconómico e cultural (ISEC). Con ese fin, todos os centros educativos agrupáronse en catro bloques, segundo o seu ISEC (baixo, medio baixo, medio alto e alto). No informe constátase que os resultados do alumnado varían segundo o ISEC.

Así, a medida que aumenta o ISEC do alumnado tamén aumenta a puntuación obtida nas competencias. En educación primaria, a diferenza entre a puntuación media do alumnado do grupo ISEC baixo e do grupo alto é de 33 puntos para a comunicación lingüística, 50 puntos na competencia matemática e 49 puntos na competencia no coñecemento e na interacción co mundo físico.

Á vista dos resultados, a influencia do ISEC é maior en 2.º curso de educación secundaria obrigatoria que en educación primaria. En 2º da ESO a diferenza entre a media do alumnado que pertence ao grupo de ISEC baixo e o que pertence a un grupo ISEC alto é de 65 puntos para a competencia en comunicación lingüística, de 60 puntos para a competencia matemática e de 58 puntos para a competencia no coñecemento e na interacción co mundo físico.

Outros factores

A Avaliación de Diagnóstico analizou ademais o ámbito do alumno, co fin de determinar como inflúen outros factores de contexto nos resultados. Así, os resultados acadados tras a análise destes factores conclúen que os alumnos e alumnas que len máis de 30 minutos ao día teñen mellores resultados nas tres competencias que aqueles que non len.

A escolarización temperá é outro dos factores que inflúen positivamente, con diferenzas que chegan ata 83 puntos en 4º de Primaria e aos 74 en 2º da ESO. 

Doutra banda, cómpre destacar como factores favorables as expectativas do propio alumnado e as dos seus pais e nais, así como o bo clima na aula, que constitúe outra das liñas de actuación da Consellería, a través da Lei de Convivencia.