O Consello da xunta autoriza a sinatura dun convenio de colaboración co Ministerio de Educación para o financiamento do proxecto de Campus de Excelencia internacional da Universidade de Santiago de Compostela

O Ministerio de Educación concede un préstamo por valor de 7,5 millóns de euros para levar adiante o 'Campus Vida'
Ven, 11/12/2009 - 09:47

O Consello da Xunta autorizou hoxe ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para a sinatura do convenio de colaboración entre o Ministerio de Educación e a Comunidade Autónoma de Galicia para o financiamento do proxecto de Campus de Excelencia Internacional da USC, o 'Campus Vida', seleccionado o pasado 26 de novembro pola Secretaría General de Universidades do Goberno central como merecedor dunha axuda de 7,5 millóns de euros. Pola súa banda, a Consellería de Educación comprométese a reembolsar esta cantidade nun prazo máximo de 15 anos.

En virtude da sinatura deste acordo, o Ministerio concede á Consellería de Educación un crédito de 7,5 millóns de euros, que irá destinada a executar as actividades previstas na iniciativa 'Campus Vida'. Así mesmo, corresponderá á Consellería a tarefa de comprobar que a Universidade de Santiago de Compostela formaliza os acordos cos organismos de investigación, entes locais, empresas ou outras entidades, aos que tiveran feito referencia no proxecto.

En todo caso, este préstamo será compatible con subvencións, axudas, ingresos ou outros recursos cos que a USC poida financiar o 'Campus vida?, sempre e cando a suma das cantidades obtidas non supere a contía do outorgado polo Ministerio. Ademais, a Consellería deberá informar puntualmente da obtención destas bolsas ao departamento educativo do Goberno central.

Con este convenio e a selección do proxecto de Campus de Excelencia da USC, queda garantida a presenza do sistema universitario galego entre as mellores universidades de Europa e aos seus campus entre os de máis prestixio internacional.

Estratexia coordinada

O Ministerio de Educación aprobou o 'Programa Campus de Excelencia Internacional', Consciente da necesidade de coordinar as actuacións en materia universitaria, especialmente no tocante á modernización dos campus universitarios. A función desta iniciativa é que as institucións implicadas nos campus elaboren un proxecto estratéxico común para crear un contorno académico, científico, emprendedor e innovador, quen de obter unha alta visibilidade internacional.

Por outra banda, quérese conseguir que o ambiente universitario sexa un verdadeiro contorno de vida integrada socialmente no ámbito urbano, e dotado de todas as prestacións de servizos e das máis punteiras melloras enerxéticas e ambientais.

En última instancia, o obxectivo é promover a excelencia docente e científica, e a internacionalización do sistema universitario. Ademais, a Universidade debe estar implicada no cambio económico, cun modelo baseado no coñecemento e na mellora da innovación.