O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia reitera o seu aval o equilibrio entre galego e castelán e a introdución do plurilingüismo no ensino

O fallo desestima as reclamacións da RAG sobre a tramitación formal do decreto e o seu dereito a participar na súa elaboración
A Xunta de Galicia valora positivamente que o TSXG constate nunha 4ª sentenza a legalidade dos principios nos que se basea o Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia
Respecto aos mesmos dous parágrafos que propón anular, ao igual que as 3 setenzas anteriores, o Goberno galego adoptará as decisións que considere, despois de analizar as catro sentenzas publicadas e as outras catro que faltan por emitir
Xov, 29/11/2012 - 19:57

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ven de constatar a legalidade, no seu conxunto, do Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, no fallo que ven de facerse público respecto do recurso presentado pola Real Academia Galega. En opinión da Consellería de Cultura, Educación e O. Universitaria, o texto do alto tribunal respalda os principios inspiradores do decreto, por canto avala o equilibrio entre galego e castelán, considera axustada a dereito a introdución do plurilingüismo e constata que a Xunta potencia a promoción do galego no sistema educativo. Ademais, o fallo non anula a consulta aos pais senón que só invalida o seu carácter vinculante.

A sentenza do TSXG emitida en relación co recurso da Real Academia Galega, anula como nos tres fallos anteriores, dous parágrafos de dous artigos, é dicir, invalidan o 5% do tal do decreto, integrado por un total de 33 regulacións. No artigo 5 anúlase o parágrafo segundo por non considerar axustado a dereito o carácter vinculante da pregunta ás familias, ao entender que a Administración debe exercer a súa competencia de fixar a lingua predominante, para o que destaca que “A Lei orgánica 2/2006 do 3 de maio de educación, presta cobertura á participación e colaboración das familias” e que este feito “non torna en contrario o Dereito o texto empregado polo Decreto, pois tampouco contradí os principios e obxectivos recollidos na Lei de normalización lingüística”.

No que atinxe ao artigo 12.3, relativo a que o alumnado poida empregar a lingua oficial da súa preferencia na comunicación oral e escrita na aula, a sentenza considera que lle corresponde á Administración determinar o idioma que o alumnado utilice.

Polo que se refire aos motivos de impugnación de índole formal, a sentenza ratifica o proceso de aprobación do Decreto como correcta, pois di que a Consellería actuou conforme ás normas do Ordenamento Xurídico, que “non faltan ningún tipo de estudos ou informes previos que garantan o acerto e oportunidade da norma” e que “se deu cumprimento ao trámite de exposición pública”.

No que atinxe á alegación da RAG respecto ás súas funcións consultivas, aclara que “A RAG emprega a expresión funcións consultivas, non tanto como sinónimo de asesoramento, senón para atribuírse a condición de órgano consultivo superior da Xunta, colocando a súa intervención como preceptiva e vinculante, o que sen embargo non resulta do Decreto 392/2003 nin dos seus Estatutos nin de ningunha outra norma xurídica” e polo tanto “non se viu conculcado o dereito da RAG a participar no procedemento de elaboración” pois foi convidado a elo mesmo mediante unha carta do Presidente da Xunta de Galicia.

Canto ao recurso da RAG referido a aspectos de índole material e substantiva, como os principios que fundamentan a redacción do Decreto 79/2010, a sentenza di que “A RAG descoñece que, segundo o preámbulo do Decreto impugnado, este no só se imbrica no proceso de normalización iniciado coa publicación da Lei de Normalización Lingüística (LNL), senón que, fai cita expresa do marco delimitado pola Lei Orgánica 2/2006 de educación, que ten como un dos seus fins a capacitación para a comunicación nas linguas oficiais e nunha ou varias linguas estranxeiras, de xeito que asume tamén este obxectivo, avistando un panorama internacional de plurilingüismo e a finalidade de capacitar ao alumnado no manexo dunha ou varias linguas estranxeiras como garantía da realidade sociolóxica”

Asevera ademais que “existe un mandato e cobertura dunha norma de rango de Lei Orgánica par a a inclusión do principio de plurilingüismo no sistema educativo de Galicia”. E con respecto ao termo “dinamización” establece que “non contradí os principios nin obxectos recollidos na LNL”

Polo demais, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria quere expresar publicamente, coma en todos os casos, o seu escrupuloso respecto polas decisión xudiciais. Polo momento estanse a estudar con prudencia as catro sentenzas emitidas e agardaremos ás que cheguen nas próximas semanas antes de tomar unha decisión ao respecto satisfactoria para todos os sectores implicados.

Menús News node R