A Consellería de Cultura e Educación celebra o Día das Librerías coa distribución do Calendario do Libro e da Lectura 2013

Con esta iniciativa, a Xunta de Galicia quere contribuír á difusión das efemérides e datas sinaladas da lectura e da edición ao longo de 2013
O aniversario da publicación de ‘Cantares Gallegos’, a celebración do Día do Libro e do Día das Letras Galegas ou o centenario de Francisco Fernández del Riego son algunhas das conmemoracións difundidas nas láminas distribuídas esta semana en librerías e bibliotecas de Galicia
Xov, 29/11/2012 - 13:38
A Consellería de Cultura e Educación celebra o Día das Librerías coa distribució
A Consellería de Cultura e Educación celebra o Día das Librerías coa distribución do Calendario do Libro e da Lectura 2013

Con motivo da celebración do Día das Librerías, que se conmemora anualmente o último venres de novembro, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria distribúe nas 230 librerías galegas federadas o Calendario do Libro e da Lectura 2013, unha lámina coas datas conmemorativas do ano que vén arredor dos libros. Con esta iniciativa, a Xunta de Galicia quere contribuír á difusión das principais efemérides relacionadas coa lectura e animar, ao mesmo tempo, á planificación de actuacións que promovan o interese polos libros e as nosas letras.

En palabras do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, “trátase de facer visibles días de referencia no calendario que animen a situar as actividades arredor do libro e da lectura nas axendas de actividades do ano que entra.” Nese sentido, as librerías, segundo valora Anxo Lorenzo, “ademais de espazos de venda de produtos editoriais, son cada vez máis, espazos de dinamización do libro e da lectura, prescritores para a selección das lecturas e, nalgúns casos, auténticos centros de dinamización sociocultural.”

Datas para celebrar en 2013

Ao longo do ano vindeiro terán lugar diversos aniversarios significativos para a literatura galega e conmemoracións habituais arredor do libro e da lectura. No mes de xaneiro, celebrarase o centenario de Francisco Fernández del Riego, un dos principais promotores da escrita e edición de textos de autores galegos durante o franquismo desde a editorial Galaxia. No mes de febreiro fará 150 anos do nacemento doutro intelectual vinculado ás letras que ostentou, como Fdez. del Riego, a presidencia da Real Academia Galega, Manuel Lugrís Freire.

En marzo, como lembra o Calendario do libro e da Lectura, celébranse anualmente o Día Internacional da Poesía e o Día Mundial do Teatro, para dar paso ás celebracións do libro e do libro infantil e xuvenil en abril.

Pero a maior actividade arredor da literatura adoita ter lugar en Galicia no mes de maio, motivada pola celebración do Día das Letras Galegas, data coincidente coa publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de castro, da que en 2013 se cumprirán 150 anos. Este ano, o autor elixido pola Real Academia Galega para centrar as celebracións de maio é o dramaturgo Roberto Vidal Bolaño.

Outra das efemérides de 2013 é o 50.º aniversario do pasamento do escritor Gonzalo López Abente, o 23 de xullo, que ten tamén o seu lugar no calendario editado pola Xunta de Galicia, co fin de contribuír á difusión da súa obra poética.

No segundo semestre do ano sucederanse outras conmemoracións como o Día Internacional dos Arquivos, o Día Internacional da Tradución, o Día da Biblioteca ou o propio Día das Librerías, o último venres de novembro, datas coas que as entidades culturais que as promoven pretenden poñer en valor os distintos ámbitos vinculados co mundo dos libros. En Galicia, no mes de decembro, celébrase tamén o Día da Edición coincidindo co aniversario do nacemento do editor Ánxel Casal.

Ampla distribución do calendario do Libro e da Lectura

Ademais da distribución nas librerías, a Secretaría Xeral de Cultura enviará exemplares a todas as bibliotecas públicas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia, máis de catrocentos puntos de lectura nos que se adoitan programar actividades coa motivación de diferentes conmemoracións.

Tamén os principais Centros de Formación e Recursos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contarán con exemplares dirixidos ás bibliotecas escolares dos centros educativos galegos. O calendario distribuirase igualmente nas universidades e en diversas institucións vinculadas co ámbito do libro e da literatura.

Declaracións de Anxo Lorenzo

Declaracións de Anxo Lorenzo