A competencia oral e escrita do alumnado de 4.º da ESO é semellante en galego e en castelán, segundo unha investigación da USC

Política Lingüística e o Instituto de Ciencias da Educación desta universidade presentaron a primeira avaliación que se realiza destas características
Mér, 05/05/2010 - 17:15
O director do ICE, José Cajide, o profesor da USC
O director do ICE, José Cajide, o profesor da USC e coordinador da investigación, Bieito Silva, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo

A Avaliación da competencia do alumnado de 4.º da ESO nos idiomas castelán e galego conclúe uns resultados moi semellantes nas capacidades orais e escritas das dúas linguas oficiais de Galicia. Así se desprende dos resultados desta investigación, realizada polo Instituto de Ciencias da Educación (ICE), da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O estudo, que foi presentado hoxe polo director do ICE, José Cajide, o profesor da USC e coordinador da investigación, Bieito Silva, e mais polo secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, insírese no convenio de colaboración asinado en xuño de 2009 polo ICE e a secretaría xeral. Trátase dunha iniciativa que ten como finalidade medir as competencias na expresión oral e escrita do alumnado da ESO en lingua galega e en lingua castelá, dun xeito comparativo, tendo en conta a súa relación con variables sociolingüísticas, socioeconómicas
e pedagóxicas.

A investigación artellouse arredor dos seguintes interrogantes:

  • Cal é a capacidade do alumnado galego de 4.º da ESO para comunicarse oralmente e por escrito nas dúas linguas oficiais de Galicia?
  • Cal é o seu coñecemento deses códigos, traducido na capacidade para operar con certas estruturas gramaticais e léxicas desas linguas?
  • En que medida inflúen nesa competencia e nese coñecemento variables
    sociodemográficas, sociolingüísticas e escolares?
  • A capacidade de comunicación oral e escrita, así como o coñecemento do código, son semellantes nos dous idiomas ou obsérvanse diferenzas significativas entre eles?

As principais conclusións do estudo, no que respecta á primeira das interrogantes, indican que a competencia oral é mellor que a escrita nas dúas linguas. Nunha escala de 1 (= nada satisfactorio) a 5 (= moi satisfactorio), temos os seguintes resultados:

  Galego Castelán
Escrito 2,77 3,04
Oral 3,66 3,77

 

Ademais, apréciase bastante homoxeneidade nas dúas linguas entre todas as subcompetencias, tanto na expresión oral coma na escrita. En todo caso, as máis relacionadas co código sitúanse no galego na banda máis baixa, mentres que no castelán son das máis altas:

 

  Galego Galego Castelán Castelán
  Escrito Oral Escrito Oral
Desenvolvemento temático 2,94 3,61 3,06 3,72
Adecuación sociolingüística 2,81 3,81 2,91 3,71
Coherencia e cohesión 2,65 3,71 2,93 3,71
Gramática 2,77 3,63 3,13 3,89
Ortografía 2,71   3,06  
Léxico 2,74 3,54 3,12 3,8

 

A media da competencia oral en galego sitúase entre “aceptable” e “bastante satisfactoria”, mentres que a expresión escrita nesta lingua se atopa lixeiramente por baixo do punto intermedio da escala. En castelán, a media da competencia en expresión escrita atópase moi lixeiramente por riba do punto intermedio da escala e na oral sitúase, coma no caso do galego, entre “aceptable” e “bastante satisfactoria”.

En canto á segunda das interrogantes, o estudo conclúe que a competencia gramatical e léxica supera o límite “aceptable” nas dúas linguas, especialmente en castelán:

  Galego Castelán Punto intermedio da escala
Competencia gramatical global 17,39 17,97 16
Competencia léxica global 23,22 22,37 17

 

A investigación levada a cabo polo ICE conclúe que son moi diversos os factores que inciden na adquisición de competencia nas dúas linguas. A variable que parece ser determinante –e mesmo estar detrás dos datos asociados a outras variables como hábitat, lingua inicial, habitual e ambiental ou lingua escolar– é o nivel socioprofesional dos pais dos estudantes, especialmente os da lingua escrita, sempre mellores canto máis alto é ese nivel, tanto en galego coma en castelán.

  Exp. escrita Exp. escrita Exp. oral Exp. oral
  Galego Castelán Galego Castelán
Medio-baixo 2,7 2,93 3,62 3,6
Medio 2,91 3,18 3,85 3,88
Medio-alto 2,96 3,23 3,64 3,97

Respecto da interrogante que incide na comparación global entre as competencias oral e escrita nos dous idiomas oficiais de Galicia, o estudo do ICE salienta que hai unha alta correlación entre os resultados en galego e en castelán, especialmente nos indicadores máis relacionados con capacidades comunicativas (desenvolvemento temático, adecuación e coherencia) e menos ligados ao código (gramática, ortografía, léxico...). Polo tanto, as diferenzas entre galego e castelán son maiores no dominio da lingua escrita ca na oralidade.

Ademais, tamén se desprende do estudo que o alumnado galegofalante presenta resultados máis homoxéneos en expresión en galego e castelán que o alumnado castelanfalante, que ten mellores resultados en castelán e peores en galego.

Logo do resumo dos resultados expostos por Bieito Silva, Anxo Lorenzo indicou que “nunca ata agora se dera a coñecer en Galicia ningunha avaliación que permitise saber, con carácter global e con instrumentos empíricos, se se alcanzaba o obxectivo marcado polo noso marco legal de que o alumnado acade unha competencia suficiente e semellante en galego e en castelán ao finalizar a escolarización obrigatoria”.

Correlación positiva entre galego e castelán

Respecto das conclusións do estudo, o secretario xeral destacou a correlación positiva entre a capacidade do alumnado de 4º da ESO para comunicarse en galego e en castelán, do que parece derivarse que “as persoas con boas competencias nunha lingua contan cunha alta probabilidade de ter unha boa competencia na outra, e viceversa”. “Isto é así –engadiu o secretario xeral– porque moitas das habilidades avaliadas, en especial as relacionadas co desenvolvemento temático, a adecuación sociolingüística ou a coherencia e a cohesión, son transferibles, baixo certas condicións, duns idiomas a outros”.

Neste sentido, o responsable de Política Lingüística fixo fincapé en que “a aprendizaxe de e en máis dun idioma pode ser fondamente positiva para o desenvolvemento do alumnado e que en ningún momento a adquisición dunha nova lingua pexa o desenvolvemento da que xa se sabe, senón máis ben todo o contrario”.

A pesar de que os resultados son moi semellantes nos dous idiomas, Anxo Lorenzo afirmou que a Secretaría Xeral de Política Lingüística “toma nota de que a competencia en galego se sitúa nuns niveis levemente máis baixos que a competencia en castelán”. Unha situación de partida que o secretario xeral dixo entender “como un estímulo para deseñar e levar adiante medidas que permitan corrixir esta situación, asegurando un maior contacto da poboación nova coa lingua galega que redunde na súa aprendizaxe”.

Impulsar medidas que complementen o labor realizado no sistema educativo

A investigación revela que son moitos os factores que inciden na adquisición de competencia en galego, e que estes se encontran en boa medida fóra da escola. Neste sentido, “o peso significativo das variables sociodemográficas e sociolingüísticas na aprendizaxe do galego” reafirmaría “a intención da Secretaría Xeral de Política Lingüística de desenvolver medidas que complementen o labor realizado dentro do sistema educativo e que aseguren a transmisión e a aprendizaxe da lingua propia de Galicia fóra do contexto escolar”, dixo Anxo Lorenzo.