A tendencia á alza no número de persoal docente e investigador sitúa ao Sistema Universitario de Galicia cunha ratio de alumnos por profesor das máis baixas da OCDE e a Unión Europea

Segundo o libro ‘Datos estatísticos do Sistema Universitario de Galicia, 2009-2010’, nas universidades galegas hai unha media de 11 alumnos por docente, fronte aos 13 do curso anterior

As universidades galegas baixan a súa ratio malia á crise económica, mentres que a media española se ten incrementado lixeiramente

Mantense á alza a evolución do número de persoal docente e investigador das universidades cun claro repunte de 779 docentes no curso obxecto da publicación

Dom, 25/11/2012 - 10:00
 A tendencia á alza no número de persoal docente e investigador sitúa ao Sistema
A tendencia á alza no número de persoal docente e investigador sitúa ao Sistema Universitario de Galicia cunha ratio de alumnos por profesor das máis baixas da OCDE e a Unión Europea

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar o libro dos datos estatísticos do Sistema Universitario de Galicia (SUG), correspondente ao curso académico 2009-2010. As cifras foron proporcionadas polas propias universidades, en concreto as que atinxen ao alumnado matriculado e graduado e o seu persoal, tanto docente e investigador coma de administración e servizos.

Segundo esta publicación, o Sistema Universitario de Galicia (SUG) conta cunha ratio de alumnos por profesor inferior ás medias española, da OCDE e da Unión Europea, con 11 estudantes por cada docente, fronte aos 13 do curso 2008/2009. Deste xeito, a ratio sitúase por baixo da media estatal, que se sitúa en 11,7 no ano 2010; e moi por debaixo da media da OCDE e da UE para ese período, que acada valores de 15,5 e 15,2 alumnos/profesor respectivamente. De feito, cómpre salientar que as universidades galegas baixan a súa ratio malia á crise económica, mentres que a media española se ten incrementado lixeiramente respecto de cursos anteriores. Continúa así a tendencia descendente da ratio galega desde os 21 estudantes por docente que había no SUG no curso 1999/2000.

Con estas ratios pódese afirmar que as universidades galegas dispoñen dos recursos humanos necesarios para afrontar as súas necesidades docentes e investigadoras e están en condicións de proporcionar unha ensinanza de calidade que favoreza a formación de futuros profesionais do máis alto nivel en cada unha das titulacións ofertadas no SUG, cumprindo os requisitos esixidos polo Espazo Europeo de Educación Superior.

Máis docentes

Isto débese, en boa medida, á tendencia á alza do número de persoal docente e investigador nas universidades galegas. De feito, o SUG contou cun total de 5.987 profesores universitarios no curso 2009-2010, un claro repunte de 779 docentes máis que no curso anterior que confirma a tendencia constante á evolución ascendente desta cifra. A mesma tendencia obsérvase no persoal de administración e servizos das universidades galegas, cuxo número se ten incrementado ano a ano, situándose no curso 2009-2010 en 3.046, 473 máis que no anterior.

Por outra banda, cómpre sinalar o estancamento rexistrado no número de alumnas e alumnos matriculados nas tres universidades do SUG. Das páxinas do estudo extráese que o número de estudantes matriculados nas antigas licenciaturas e graos nas tres universidades galegas no curso 2009-2010 foi de 66.038, o que supón unha inversión da tendencia á baixa que se viña rexistrando desde o curso 1999-2000.

Imaxe obxectiva do SUG

O libro Datos estatísticos do Sistema Universitario de Galicia, 2009-2010 - que pode consultarse a través do portal educativo, no enderezo web /portal/node/834 -, constitúe un exercicio de transparencia informativa por parte da Consellería. Non en balde, coa súa publicación ponse en coñecemento da sociedade os datos estatísticos que nos ofrecen unha realidade obxectiva do noso sistema universitario, de forma que os cidadáns e axentes sociais poidan coñecer e valorar mellor a eficacia e eficiencia con que son empregados os recursos legados á educación universitaria na nosa comunidade.

Asemade esta publicación é unha ferramenta para posibilitar o deseño e avaliación de políticas universitarias a prol dunha maior eficiencia dos recursos públicos.