O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia avala o equilibrio entre galego e castelán e a introdución do plurilingüismo no ensino

A Xunta de Galicia valora positivamente que o TSXG constate a legalidade dos principios nos que se basea o Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia
Respecto dos dous parágrafos que propón anular, o Goberno galego tomará unha decisión despois de analizar as tres sentenzas publicadas e as cinco que faltan por emitir
Xov, 22/11/2012 - 19:32

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) constata a legalidade, no seu conxunto, do Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, así como dos seus principios inspiradores, por canto avala o equilibrio entre galego e castelán, considera axustada a dereito a introdución do plurilingüismo e constata que potencia a promoción do galego no sistema educativo.

As sentenzas do TSXG emitidas en relación cos recursos da Mesa pola Normalización Lingüística, da CIG e de Queremos Galego anulan dous parágrafos de dous artigos, é dicir, invalidan o 5% do tal do decreto, integrado por un total de 33 regulacións. No artigo 5 anúlase o parágrafo segundo por non considerar axustado a dereito o carácter vinculante da pregunta ás familias, ao entender que a Administración debe exercer a súa competencia de fixar a lingua predominante. En opinión da Xunta de Galicia, considérase que “a Administración debe exercer a súa competencia do xeito máis consensuado posible coas familias”.

No que atinxe ao artigo 12.3, relativo a que o alumnado poida empregar a lingua oficial da súa preferencia na comunicación oral e escrita na aula, a sentenza considera que lle corresponde á Administración determinar o idioma que o alumnado utilice. Nese sentido, desde o departamento de Educación estímase que o Tribunal basea a súa decisión non tanto nunha cuestión de legalidade como de coherencia interna do precepto, nomeadamente entre a liberdade do alumno e a conveniencia de que coincida a lingua usada e a lingua da materia.

Polo demais, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria quere expresar publicamente, coma en todos os casos, o seu escrupuloso respecto polas decisión xudiciais. Polo momento estanse a estudar con prudencia as tres sentenzas emitidas e agardaremos ás que cheguen nas próximas semanas antes de tomar unha decisión ao respecto.

Menús News node R