A Consellería de Cultura e Educación impulsa o programa de visitas didácticas ao Salón Teatro de Santiago

Preto de 40 estudantes da Escola Superior de Arte Dramática participaron nos percorridos guiados polo espazo escénico que xestiona o CDG para coñecer de primeira man as súas características e o seu funcionamento técnico

A iniciativa enmárcase no plano de colaboración que manteñen o centro de ensino teatral e a compañía pública, que estende o seu servizo pedagóxico ao resto da comunidade educativa galega

Mar, 20/11/2012 - 13:18
Visitas didácticas e guiadas ao Salón Teatro de Santiago
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria impulsa o programa de visitas didácticas e guiadas ao Salón Teatro de Santiago

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a impulsar o programa de visitas didácticas e guiadas ao Salón Teatro de Santiago, sede do Centro Dramático Galego (CDG), no que participaron xa preto de 40 estudantes da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia.

Esta iniciativa enmárcase no plano de colaboración que a compañía pública mantén coa ESAD de Galicia, ofrecendo aos alumnos das diferentes especialidades impartidas na Escola –Interpretación, Dirección Escénica e Dramaturxia e Escenografía– a posibilidade de coñecer de primeira man as características e o funcionamento técnico do teatro. Cun aforo de 272 butacas, o espazo escénico que ocupa o número 34 da Rúa Nova compostelán conta cunha importante dotación técnica, tanto no que respecta á maquinaria da caixa escénica cos seus diferentes elementos de tremoia e cortinaxe, como aos compoñentes e control de iluminación e de son.

Campañas escolares

O programa de visitas guiadas esténdese igualmente ao resto da comunidade educativa, especialmente aos centros de primaria e secundaria, aos que tamén se dirixen as campañas escolares que a compañía da Consellería de Cultura e Educación desenvolve durante os períodos de exhibición das súas producións propias no Salón Teatro. Neste sentido, o espectáculo O profesional foi visto o pasado mes de outubro por un total de 540 alumnos procedentes dunha decena de centros de ensino secundario.

Estas funcións específicas para escolares están apoiadas por un material didáctico, elaborado para cada montaxe do CDG co obxectivo de que profesores e alumnos poidan traballar na clase respecto á obra e á asistencia ao teatro como complemento da formación docente. Tanto este material como os planos do recinto, especialmente preparados para facilitar a comprensión do funcionamento da maquinaria teatral por parte do público infantil e xuvenil, están dispoñibles para a súa descarga na web www.centrodramatico.org.