O xurado dos Premios da Cultura Galega 2012 outorga sete galardóns á excelencia creativa e á difusión cultural

Nesta edición resultaron distinguidos Salvador García Bodaño na categoría das Letras; Manuel Quintana Martelo na das Artes Plásticas; o grupo de teatro Airiños (Rianxo) na das Artes Escénicas; a Fundación Eduardo Pondal en Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural; a Asociación Internacional Estudos Galegos en Promoción Cultural de Galicia; Manuel Rodeiro en Música e Miguel Anxo Fernández na modalidade de Creación Audiovisual
O conselleiro de Cultura e Educación en funcións, Xesús Vázquez Abad, presidiu a sesión do xurado, conformado por representantes da Xunta de Galicia, do Consello da Cultura Galega, das tres universidades, da Real Academia Galega e da Real Academia Galega de Belas Artes, así como por catro profesionais de prestixio no ámbito cultural
Estes galardóns, convocados pola Xunta de Galicia, recoñecen o traballo de persoas e institucións nos distintos ámbitos da creación, conservación e difusión da cultura galega
Lun, 19/11/2012 - 19:36
Reunión do xurado dos Premios da Cultura de Galicia
Reunión do xurado dos Premios da Cultura de Galicia

O xurado dos Premios da Cultura Galega 2012, presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Xesús Vázquez Abad, determinou na reunión celebrada hoxe na Cidade da Cultura de Galicia os sete premiados que recibirán os galardóns en recoñecemento do seu labor nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural, Promoción Cultural de Galicia, Música e Creación Audiovisual.

Os gañadores da edición 2012 foron Salvador García Bodaño na categoría das Letras; Manuel Quintana Martelo na modalidade das Artes Plásticas; o grupo de teatro Airiños (Rianxo) na das Artes Escénicas; a Fundación Eduardo Pondal en Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural; a Asociación Internacional Estudos Galego en Promoción Cultural de Galicia; Manuel Rodeiro en Música; e Miguel Anxo Fernández no apartado de Creación Audiovisual.

A Xunta de Galicia convoca estes premios anuais co fin de recoñecer o labor de persoas e institucións que traballan nos distintos ámbitos da creación, da conservación e da posta en valor do patrimonio cultural, así como da actualización e difusión do noso capital creativo galego. Os galardoados recibirán como premio unha escultura realizada polo artista ourensán Xosé Cid.

Traxectorias premiadas

Na categoría de premio Cultura Galega das Letras o galardón recaeu en Salvador García Bodaño, a quen se lle recoñeceu unha calidade literaria que o sitúa como un dos máis destacados poetas vivos da xeración dos 50, ademais da súa activa participación en diversas iniciativas culturais.

No apartado das Artes Plásticas, Manuel Quintana Martelo foi distinguido pola calidade da súa obra e compromiso coa pintura, así como a súa implicación en diversos proxectos culturais para ampliar a presenza das artes plásticas galegas. O artista formou parte de Atlántica e expuxo en prestixiosos museos e galería de diversos países.

O grupo de teatro Airiños, de Rianxo, foi o premiado na categoría das Artes Escénicas polo traballo desenvolvido desde a súa creación, no ano 1933, que o converte na máis lonxevo de Galicia. Así, ao longo de catro xeracións, esta iniciativa veciñal vén sendo protagonista da construción dunha creatividade escénica de raíz popular desde o ámbito local.

Na modalidade de Premio Cultura Galega ás Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural o galardón recaeu na Fundación Eduardo Pondal, pola súa ampla e constante programación participativa arredor das letras galegas, desenvolvida coa implicación de entidades, axentes culturais e veciños da terra natal do escritor que lle dá nome á fundación.

O premio á Promoción Cultural de Galicia foi para a Asociación Internacional de Estudos Galegos, entidade creada na década de 1980 na costa leste dos Estados Unidos co obxectivo de difundir por todo o mundo a cultura e a lingua galegas. Desde entón, a AIEG impulsa e desenvolve o seu labor, principalmente, no terreo académico e universitario.

Manuel Rodeiro mereceu o recoñecemento do xurado na categoría de Música polo seu labor de referencia na creación sonora contemporánea. Compositor, crítico, xestor e pedagogo, Rodeiro dirixiu o departamento de Música do Centro Galego de Arte Contemporánea, foi fundador da editorial musical Música Nueva e do conxunto instrumental Cámara XXI.

Na categoría de Creación Audiovisual, o galardón recaeu este ano en Miguel Anxo Fernández, crítico audiovisual, escritor e autor de numerosas publicacións de temática cinematográfica. Na súa ampla traxectoria vinculada ao audiovisual, foi impulsor de numerosas iniciativas destinadas á promoción do cine galego.

O xurado

O conselleiro de Cultura e Educación en funcións, Xesús Vázquez, presidiu o xurado da edición 2012 dos premios, do que tamén formaron parte o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long; Francisco Díaz Fierros, en representación do Consello da Cultura Galega; Xosé Henrique Coas González e Goretti Sanmartín Rei, en representación das universidades de Vigo e da Coruña, respectivamente; e Ramón Yzquierdo Perrín, en representación da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario.

Completaron o xurado catro persoas de prestixio no ámbito cultural como son o escritor Luís González Tosar, o artista plástico Antón Pulido, a cineasta e produtora Fernanda del Nido e o editor e escritor Henrique Alvarellos.