Cultura e Educación celebra o mes da ciencia e da tecnoloxía en galego cunha conferencia sobre o inventor Ramón Verea

O secretario xeral de Política Lingüística presentou a conferencia impartida por Olimpio Arca, biógrafo do estradense Ramón Verea, inventor da calculadora
Con motivo do Día da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego, Política Lingüística ofrece no seu web unha recompilación de recursos educativos para traballar contidos científicos nas aulas
Mér, 07/11/2012 - 13:41
Ramón Verea
Ramón Verea

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra o mes da ciencia e da tecnoloxía en galego cunha conferencia, organizada a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, sobre o inventor estradense Ramón Silvestre Verea García, figura homenaxeada este ano no Día da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego, xunto con Leonardo da Vinci.

A conferencia “Ramón Verea, inventor galego”, que tivo lugar no salón de actos do IES Xelmírez I de Santiago de Compostela ante máis de 200 alumnos de 4º da ESO e de primeiro de bacharelato, foi impartida polo biógrafo de Ramón Verea, o profesor e escritor Olimpio Arca Caldas, quen estivo acompañado na mesa polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e mais polo director do centro, Manuel Portas.

Na presentación do relatorio, García Gómez expresou o seu pracer por celebrar xunto cos escolares esta data tan significativa para a linguae animou os asistentes a reflexionar non só sobre a importancia da ciencia para as nosas vidas, senón en especial sobre a importancia de facer ciencia en galego“porque os alumnos e alumnas de hoxe seredes os investigadores e os científicos de mañá e de vós depende que se siga facendo ciencia en galego.”

Durante o relatorio, o biógrafo de Ramón Verea presentoulle ao alumnado a vida e a obra do ilustre estradense que patentou en 1878, nos Estados Unidos, unha máquina de calcular que, á diferenza dos seus precursores –ata o momento só se limitaban a sumar e a restar– podía multiplicar e de dividir rapidamente cunha capacidade de resultados de ata 15 cifras simultáneas. O prototipo deseñado por Ramón Verea exponse hoxe na colección de enxeños de cálculo que IBM ten na súa sé de Nova York.

Mes da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego

A UNESCO declarou, no ano 2001, o día 10 de novembro como Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento. No ano 2009, os centros educativos galegos adaptaron esta celebración como Día da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego, co obxectivo principal de mostrar que o galego é unha lingua útil para facer ciencia e para impartir as materias científico-técnicas. 

Neste ano 2012, a Institución Galega de Ciencia (IGACIENCIA), amais de centrar a celebración na tecnoloxía, propuxo homenaxear no Día da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego as figuras de Leonardo da Vinci e de Ramón Verea, o estradense inventor dunha das primeiras calculadoras.

Recursos para traballar nas aulas

Para celebrar o mes da ciencia e da tecnoloxía en galego, amais da conferencia sobre Ramón Verea, a Secretaría Xeral de Política Lingüística ofrece no seu web unha recompilación de recursos educativos para traballar contidos científicos nas aulas: http://www.xunta.es/linguagalega/outono_de_ciencia.

A sección Outono de ciencia recolle, por unha banda, diversas propostas de diferentes entidades dirixidas ao alumnado de secundaria, como as instrucións para construír a ponte desmontable de Leonardo ou o xogo Tecnopoly, un xogo semellante ao Monopoly onde as rúas levan nomes dos inventos máis relevantes da historia da humanidade.

Por outra banda, esta sección inclúe unha recompilación de materiais científicos elaborados polos equipos de dinamización da lingua galega dirixidos ao alumnado de infantil e de primaria.