Cultura e Educación apoia o XXII Festival de Jazz de Lugo, que ofrece 17 concertos ao longo de 8 días en 4 espazos da cidade

A edición 2012 do evento presenta un cartel artístico no que están presentes solistas e bandas dos principais estilos do xénero

O Club Clavicémbalo o Círculo das Artes, A Casa do Saber e o Auditorio de Novacaixagalicia serán os espazos que acollerán os recitais

Mar, 06/11/2012 - 13:43
O saxofonista Bill Evans
O saxofonista Bill Evans

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia a vixésimo segunda edición do Festival de Jazz de Lugo, que se desenvolverá en distintos espazos da cidade do 10 ao 17 de novembro cun total de dezasete concertos a cargo de primeiras figuras do xénero.

A través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), a Consellería achega nesta ocasión un total de 42.500 euros á celebración do certame que organiza cada ano a asociación luguesa Escobijazz, e que conta ademais coa financiación doutras entidades públicas e privadas.

O programa do XXII Festival de Jazz de Lugo ofrecerá ao longo de 8 días un total de 17 concertos, jam sessions e recitais de distintos estilos de jazz, protagonizados por artistas e intérpretes de primeiro nivel no panorama internacional e tamén por  representantes galegos do xénero. Serán catro os espazos que acollerán estas citas en Lugo: o emblemático Club Clavicémbalo -espazo pioneiro e decano na difusión da música de jazz en Galicia- o Círculo das Artes, A Casa do Saber e o Auditorio de Novacaixagalicia.

A variedade da carteleira, deseñada para exhibir todo o potencial do jazz a través das súas diferentes influencias musicais e manifestacións (fusión, reggae, latin, soul, funk…) e tipoloxía de formacións (solistas, orquestras e bandas), foi presentada hoxe diante dos medios de comunicación polos organizadores do festival xunto a outros representantes de empresas e entidades colaboradoras.  

Inauguración por Pablo Castaño Septet

A inauguración do evento será este sábado día 10 a cargo de Pablo Castaño Septet, que actuará a partir das 23,30 horas no Clavicémbalo. O músico galego, que se formou e desenvolveu  parte da súa carreira en Nova York, fará coa súa banda unha incursión na forma orquestral da música jazz, cunha presentación pouco común na que interpretará temas orixinais e versións.

O calendario de concertos retomarase o luns 12 cos directos de Kind of Cai, The Last Minute Experience, e Alberto Vilas Quartet, en tanto que o martes 13 poderase escoitar a Martín Blanes, Pilc-Moutin-Hoenig e Max Gómez Cuarteto. O mércores 14 actuarán o saxofonista Bill Evans coa Soulgrass Band e Ton Risco Quintet, e o xoves 15 farano The New John Abercrombie Quartet  e Martín  Leiton Trío.

A recta final do festival estará protagonizada polos recitais o venres 16 de Kike Perdomo Quintet, Nani García Trío e Tana Santana Project. Esta última formación será a encargada de clausurar o festival pasada a medianoite do sábado 17 no Clavicémbalo, despois doutros dous concertos programados para esa mesma xornada a cargo de Wallace Roney Group, e Kike Mora Jazz Proyect.

Menús News node R

Tema