A exposición interactiva coa que cultura e Educación homenaxea a Celso Emilio Ferreiro poderá visitarse ata o vindeiro luns no IES Francisco Daviña Rey, en Monforte

A iniciativa enmárcase nas actividades programadas pola Xunta de Galicia para conmemorar o Ano Celso Emilio Ferreiro, co gallo do centenario do nacemento do poeta

A mostra continuará a súa itinerancia a partires do día 6 de novembro no IES Illa de Tambo, en Marín

Xov, 01/11/2012 - 09:45
A exposición interactiva coa que cultura e Educación homenaxea a Celso Emilio
A exposición interactiva coa que cultura e Educación homenaxea a Celso Emilio Ferreiro poderá visitarse ata o vindeiro luns no IES Francisco Daviña Rey, en Monforte

A exposición interactiva coa que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria rende homenaxe a Celso Emilio Ferreiro poderá visitarse ata o vindeiro luns día 5 no IES Francisco Daviña Rey  (Monforte), desde onde continuará a súa itinerancia cara ao IES Illa de Tambo (Marín). Deste xeito, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad continúa a difundir a vida e obra deste autor en centros educativos das catro provincias galegas, no marco das actividades programadas pola Xunta de Galicia para conmemorar o Ano Celso Emilio Ferreiro, declarado polo Parlamento de Galicia con motivo do centenario do nacemento do poeta.

Os visitantes da mostra poderán achegarse ao poeta de Celanova a través dun formato interactivo e novidoso que inclúe imaxes, poemas musicados, audiovisuais, xogos interactivos e mesmo gravacións sonoras co recitado de Celso Emilio Ferreiro. Ademais, a exposición conta con algúns obxectos persoais do autor, entre os que se inclúen unhas lentes, a súa máquina de escribir e unha cámara fotográfica.

Moitos destes contidos están accesibles tamén vía web na páxina oficial do escritor, http://celsoemilioferreiro.org/  que puxeron en marcha este ano a Xunta de Galicia e a Fundación Celso Emilio Ferreiro.

Tras o seu paso polo CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol), o IES Maruxa Mayo (Ordes), o IES de Foz e o IES Francisco Daviña Rey (Monforte); a exposición instalarase ata finais de ano no IES Illa de Tambo (Marín), entre o 6 e o 13 de novembro; no IES Aquis Celenis (Caldas de Reis), do 14 ao 21; no IES Taboada Chivite (Verín), do 22 ao 30; e no IES Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras), entre o 3 e o 12 de decembro. A parada final será no IES de Celanova, vila natal do homenaxeado, a onde chegará a exposición o 13 de decembro, e no que se poderá visitar ata o 21 do mesmo mes.