Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e as bibliotecas escolares galegas súmanse á celebración do Día da Biblioteca

A Consellería edita un cartel co lema “Biblioteca escolar, acelerador de innovación”, para difundir o modelo de biblioteca como centro de recursos para información, a lectura e a investigación

O póster distribuíuse aos centros neste mes de outubro

Mér, 24/10/2012 - 12:11
Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e as bibliotecas escolares galegas
Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e as bibliotecas escolares galegas súmanse á celebración do Día da Biblioteca

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria anima aos colexios e institutos de toda Galicia a celebrar o Día da Biblioteca, unha ocasión que o departamento educativo da Xunta de Galicia quere aproveitar para difundir o modelo de biblioteca escolar como centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe que se está a impulsar ao abeiro do Plan LÍA 2010-2015 de bibliotecas escolares, do actual goberno galego.

Lémbrase que a biblioteca escolar é a biblioteca máis próxima á xente nova, é aquela pola que pasa toda a poboación escolar dun país, e onde se forman os nenos e nenas como usuarios tamén das outras bibliotecas. Esta data serve para poñer en valor un recurso cultural básico para a sociedade, o da biblioteca, e un recurso educativo fundamental para o alumnado que medra na sociedade da información.

Así mesmo Cultura e Educación apoia a iniciativa para a celebración do Día da Biblioteca Escolar impulsada pola International Association of School Librarianship (IASL) que,  baixo o lema A biblioteca escolar, unha chave para o pasado, o presente e o futuro,  propón o desenvolvemento de diferentes accións durante o mes de outubro - Mes Internacional da Biblioteca Escolar – para salientar a importancia destes espazos e todas as súas posibilidades nos centros educativos.

De feito, a meirande parte dos centros de ensino están a desenvolver nestes días diferentes actos conmemorativos do Día da Biblioteca, tales como xornadas de portas abertas, lecturas, recitais, encontros con autores, ou mesmo a inauguración de novas bibliotecas.

Biblioteca escolar, acelerador de innovación

Ademais, a Consellería editou, un ano máis, un cartel que se difunde nas bibliotecas dos centros educativos galegos, desta vez co lema Biblioteca escolar, acelerador de innovación. Con el preténdese difundir a imaxe deste espazo como o idóneo para que as alumnas e alumnos investiguen, se informen, e estimulen a súa imaxinación a través da lectura, entre outras actividades de estudo e de lecer.

Nesta ocasión, a ilustración correspondeu ao creador galego Andrés Meixide,  que vén sumarse así aos ilustradores que teñen colaborado con esta consellería no obxectivo de difundir as posibilidades da biblioteca escolar (Manuel Mariño/2008, Miguelanxo Prado/2009, Marina Seoane/2010, Emma Ríos/2011).

A imaxe deste ano trata de reflectir as transformacións operadas nas bibliotecas escolares galegas nos últimos anos grazas ao esforzo conxunto das comunidades educativas e da Administración, co fin de ofrecer máis e mellores instrumentos ao alumnado para a súa formación académica e persoal. Neste sentido, a campaña salienta a variedade de recursos que a biblioteca escolar pon a disposición de estudantes e docentes, grazas ao que se abre unha ampla gama de oportunidades para o desenvolvemento de novas dinámicas de traballo, prácticas pedagóxicas máis activas, propostas máis colaborativas, e proxectos que axudan a construír coñecemento, confirmando ás bibliotecas como aceleradores de innovación educativa.

A conmemoración do Día da Biblioteca e do Mes Internacional da Biblioteca Escolar enmárcase nas actuacións que a Consellería de Cultura e Educación desenvolve no ámbito das bibliotecas escolares e para o fomento da lectura, que desde 2010 se integran no Plan LÍA. A estratexia do devandito plan, desenvolvida polo departamento que dirixe en funcións Xesús Vázquez Abad, para dar resposta aos novos retos formulados no ensino respecto do fomento da lectura como ferramenta para mellorar os resultados académicos do alumnado. Perséguese igualmente capacitar aos estudantes na lectura dixital e no uso dos novos soportes tecnolóxicos, por unha banda, e nas técnicas de investigación, información e aprendizaxe vencelladas a todos os recursos que ofrecen as bibliotecas, por outra.