IES Luis Seoane, de Pontevedra, recibiu o premio "Marta Mata", á calidade educativa

O ministro de Educación, Ángel Gabilondo, fixo entrega dos galardóns a dez centros en recoñecemento do seu labor de boas práctica se polo esforzo compartido da comunidade educativa
Xov, 10/12/2009 - 08:39
Premio calidade educativa "Marta Mata"
Premio calidade educativa "Marta Mata"

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, estivo presente na entrega dos "Premios Marta Mata a la calidad de los centros educativos en el año 2009", esta mañá en Madrid polo ministro de Educación, Ángel Gabilondo. Nesta edición resultou galardoado o IES Luis Seoane, de Pontevedra, centro no que Pinal exerceu como director ata a súa chegada á Consellería de Educación.

Os dez centros premiados, de seis comunidades autónomas, recibiron os galardóns de mans do ministro de Educación, Ángel Gabilondo. Os "Marta Mata" son un recoñecemento o traballo realizado polos centros escolares que se distinguen polas súas boas prácticas e polo esforzo compartido da súa comunidade educativa no labor de acadar unha educación de calidade. Ademais para dar estes premios valórase a traxectoria dos centros no relativo á mellora do rendemento escolar, así como a acción educativa de transmisión de valores en prol da igualdade, o respecto, xustiza e todo o que constitúe unha base da vida en común.

Os premios entregáronse en tres categoría correspondentes os centros de educación infantil e primaria; Secundaria, Bacharelato ou Formación Profesional; e, en último lugar aos de FP inicial, educación especial, Escolas Oficiais de Idiomas ou centros que impartan ensinanzas deportivas ou artísticas. Cada modalidade ten tres niveis, así os primeiros clasificados recibirán 15.000 euros, os segundos, onde quedou o IES Luis Seoane, recibiron 10.000 euros e os terceiros 6.000.

Esta é a terceira edición destes galardóns, cos que se quere honrar a figura da que fora presidenta do Consejo Escolar del Estado, a pedagoga Marta Mata, falecida en xuño de 2006.

Calidade do sistema educativo galego

Tras a entrega do premio, o director xeral de Centros e Recursos Humanos transmitiu as súas felicitacións ao equipo gañador, destacando "a satisfacción da Consellería de Educación por que os centros escolares galegos sexan exemplo de iniciativas para mellorar a calidade do ensino".

Pinal quixo lembrar ademais o recoñecemento recibido a semana pasada polos IES Carlos Casares, do concello ourensán de Viana do Bolo, o Alfonso X O Sabio, de Cambre; e o Colegio La Salle, de Santiago de Compostela; que recolleron en Madrid os premios do concurso nacional de "Boas prácticas para a dinamización e innovación das bibliotecas nos centros escolares no2008". "O feito de recibir estes premios, de ámbito estatal, non fan máis que constatar o excelente estado de saúde do sistema educativo de Galicia, que avanza día a día polo camiño do esforzo cara á excelencia", puntualizou o director xeral de Centros e Recursos Humanos.