Xesús Vázquez inaugura a décima edición de Megaxove, Salón da Xuventude, en Ourense

A Consellería participa nas actividades que se celebran en Expourense do 4 ao 8 de decembro, presentando a súa oferta de Formación Profesional
Ven, 04/12/2009 - 08:36

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe "Megaxove", o X Salón da Xuventude. No evento, que se celebra ata o 8 de decembro, a Consellería presenta a súa oferta de Formación Profesional aos máis de 9.000 rapaces e rapazas que pasarán durante esta ponte polo recinto de Expourense.

Durante a súa intervención o conselleiro afirmou que ''coa apertura da décima edición queda demostrado o éxito desta iniciativa, na que poden verse de preto todas as alternativas que teñen a súa disposición os mozos e mozas'' e destacou que ''todas as actividades reforzan valores fundamentais para a vida diaria, como son o compañeirismo, a solidariedade, o traballo en equipo, a tolerancia, a igualdade ou o respecto ó Medio Ambiente. Valores- dixo- que nos permiten a todos avanzar na vida e aproveitar todas as oportunidades que temos tanto a nivel educativo, como persoal ou laboral''. Vázquez Abad finalizou desexando a todos os asistentes que ''gocen e aprendan con todas as actividades programadas, e nas que tanta xente traballou na súa preparación''.

Xunto ao conselleiro estiveron no acto de apertura o presidente do Comité Executivo de Expourense, Ovidio Fernández Ojea, e o presidente do Comité Asesor e xefe do Servizo de Deportes en Ourense, José Mario Guede. Posteriormente, e coincidindo co 10º Aniversario de 'Megaxove?, os tres fixeron entrega das placas conmemorativas ás entidades colaboradoras ao longo de varias edicións.

Visita as instalacións

Durante a súa visita, Xesús Vázquez Abad interesouse polas distintas actividades que "Megaxove" ofrece á mocidade, fomentando a súa participación en diversas actividades de ocio, culturais e deportivas. No percorrido tamén estivo o delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez González.

Neste evento a Consellería de Educación participa activamente proporcionando o transporte escolar gratuíto para os estudantes que desexen visitar as instalacións, nas que tamén haberá un stand de Formación Profesional. Neste punto o conselleiro detívose para ver de preto a atención que recibirán os visitantes interesados nos requisitos de acceso a esta oferta educativa. No stand tamén se informará sobre os plans de estudo ou saídas no mercado de traballo que se poidan plantexar ou futuros estudantes de F.P.

Así mesmo, vanse repartir folletos informativos sobre as distintas familias e ciclos de grao medio e superior, e programas de cualificación inicial. Estes mesmos documentos servirán como unha importante ferramenta para os interesados nestes estudos, ao incorporaren información sobre os perfís profesionais, dando resposta a preguntas como "Que se aprende a facer", "Onde se realiza o traballo", ou "En que postos de traballo".

Os folletos dan conta das innovacións introducidas nos ciclos formativos a partires da implantación da nova Lei Orgánica de Educación (LOE). Con esta adaptación, o alumnado da Nova FP poderá equiparar a titulación acadada a nivel europeo, e incluso validar os seus estudos de grao superior por créditos universitarios. Por outra banda, quen rematen un ciclo, obteñen o certificado de prevención de riscos laborais de nivel básico, contribuíndo así a mellora dos seus currículos.

Un espazo para a educación

O X Salón da Xuventude "Megaxove", é un encontro que ten como obxectivo reunir a mozos, mozas e ás súas familias nun contorno onde o principal fin é gozar dun tempo de lecer conxugando formación e diversión con todo tipo de actividades, e potenciando valores como o compañeirismo, a igualdade, o traballo en equipo ou a convivencia interxeracional, ao tempo que se conxugan formación e diversión.

Ademais haberá unha área formativa; unha Ciber Zona, na que varios profesionais informarán sobre as posibilidades que ofrece a informática e Internet, nomeadamente en canto a recursos educativos e xogos; e un circuíto de Educación Vial. En "Megaxove" contará tamén con espazos para a cultura, o lecer, o deporte, e o citado stand de F.P.

Oferta formativa

Os visitantes que se acheguen a este salón da xuventude terán á súa disposición un amplo catálogo de ofertas formativas, correspondentes aos 900 ciclos formativos de grao medio e superior que se imparten en 252 centros educativos públicos e privados de toda Galicia. Ademais, poderán obter información sobre os Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI), dos que se ofertan ata 25 perfís distintos, destinados ao alumnado maior de 16 anos que non obtivese o título de graduado en educación secundaria obrigatoria. O obxectivo é que alcancen competencias profesionais que lle permitan unha inserción sociolaboral satisfactoria, e que amplíen as súas competencias básicas para proseguir estudos nas diferentes ensinanzas.

Estes estudos permiten obter a quen superen os módulos de carácter obrigatorio unha certificación académica que dará dereito, se así o solicitan, a un certificado de profesionalidade emitido pola administración laboral. Ademais, os estudantes que cursen módulos voluntariamente recibirán o título de Graduado en Educación Secundaria.