Educación asegura que está a cumprir con todos os protocolos para cubrir as vacantes en Primaria e Secundaria

Unha vez máis, un sindicato tratar de desinformar á sociedade sobre o traballo que está a desenvolver a Administración

Mar, 27/04/2010 - 18:52

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria recorda que está a cumprir cos protocolos existentes para cubrir as vacantes e baixas do profesorado.

Hoxe o sindicato Comisións Obreiras volveu a mostrar o seu interese por desinformar e intoxicar á sociedade ao asegurar que a Consellería non cubre as baixas de profesorado. Desde Educación vémonos obrigados a recordar que a este respecto existe un protocolo legal que estamos cumprir.

Educación destaca que neste momento do curso escolar 72 profesores de inglés de Primaria están a desenvolver actividades de formación dentro do PALE (Programa de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras) impulsado pola Consellería para darlles unha mellor formación na súa especialidade o que redundará no incremento da calidade do ensino e polo tanto en todo o sistema escolar.

Todas as vacantes xa foron cubertas a través das lista de substitutos, e no momento actual soamente están pendentes de resolver as peticións de seis centros. Estes terán cubertas as súas necesidades docentes proximamente, dado que a Consellería ofreceulles profesorado substituto cun perfil aproximado e eles rexeitárono. Educación recorda que está a chamar tamén a profesores de inglés de secundaria que teñan a condición de mestres, pero que aquí atopámonos coa situación de que moitos deles non aceptan a oferta de traballo realizada desde a administración.

Ante a nova acusación dos sindicatos, o director xeral de centros e recursos humanos, José Manuel Pinal, recorda que “primeiro, deberían informarse; e segundo, que este afán por intoxicar e xerar problemas inexistentes non beneficia a ninguén”, e engadiu que “nós estamos a desenvolver o noso traballo en prol dunha mellora da calidade do sistema educativo galego”.