O Arcebispado de Santiago de Compostela amosa o seu interese pola utilización da lingua galega na súa actividade eclesial

Monseñor Xulián Barrio recibiu hoxe ao secretario xeral de Política Lingüística, quen lle trasladou a importancia de impulsar o uso desta lingua nas iniciativas relixiosas deste Ano Santo
Mar, 27/04/2010 - 16:03
O secretario xeral de Política Lingüística e o arcebispo de Santiago
Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüística, e o arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Xulián Barrio

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, trasladoulle ao arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Xulián Barrio, a importancia de promover a utilización da lingua galega na actividade eclesial aproveitando a celebración do Ano Santo.

Durante a reunión que ambos mantiveron esta mañá, o secretario xeral incidiu, concretamente, na importancia de fomentar o uso do galego en celebracións relixiosas tan destacables como a misa do peregrino, “un dos actos de maior asistencia de fieis, especialmente durante o Xacobeo”. Ademais, Anxo Lorenzo ofreceulle ao arcebispo o asesoramento lingüístico necesario para facilitarlle a utilización da lingua propia de Galicia noutras iniciativas, como a web do arcebispado.

Ademais de favorecer que os fieis galegofalantes se sintan aínda máis acollidos no templo do Apóstolo, Anxo Lorenzo salientou a presenza do galego nas celebracións relixiosas do arcebispado como un xeito de compartir cos peregrinos de fóra de Galicia unha das maiores riquezas da comunidade, a lingua galega.

Posta en valor da realidade lingüística de Galicia a través da visita do Papa

Respecto da próxima visita do Papa a Santiago de Compostela, o responsable de Política Lingüística destacou este acontecemento como unha oportunidade para poñer en valor a riqueza lingüística de Galicia. Neste sentido, tamén salientou a importancia de que o galego estea presente nas intervencións do Santo Padre como unha maneira de que os crentes galegos se sintan aínda máis próximos e identificados con el.

Colaboración co ámbito da Igrexa para fomentar o uso do galego

Co obxectivo de acadar novos espazos de uso para a lingua galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística vén colaborando con diversas entidades. Grazas a este marco de cooperación, o Arcebispado de Santiago de Compostela elaborou e difundiu en 2009 diverso material divulgativo de tema bíblico en galego, ademais dos materiais pedagóxicos Xesús é o Señor, Alianza de Deus con nós, Deus dános unha nova vida ou O reino de Deus, entre outros.

As dioceses de Mondoñedo-Ferrol e mais de Tui-Vigo son outras das entidades coas que a Secretaría Xeral de Política Lingüística está a impulsar un labor conxunto de fomento do uso do galego

Menús News node R

Departamento