Educación acada un pacto cos sindicatos e asinan unha addenda sobre o acordo para o acceso á Función Pública Docente

A Consellería demostra unha vez máis a súa disposición para buscar puntos comúns con todos os axentes implicados na educación de cara a un maior beneficio social
Mar, 27/04/2010 - 12:37

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou hoxe pola maña un acordo coas organizacións sindicais en torno ao acceso á función pública docente en calidade de profesor interino ou substituto. Con esta nova addenda a actual administración da Xunta demostra o seu interese por acadar acordos con todos os axentes relativos aos temas de benestar social.

No encontro de hoxe os asinantes foron as organizacións sindicais CC.OO, FETE-UGT, ANPE e CSI-CSIF, e no encontro tamén estivo presente o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal.

Grazas a nova addenda actualizase o acordo acadado o 20 de xuño de 1995 entre Educación e os sindicatos que daba prioridade ao profesorado que realizou interinidades ou substitucións para ser nomeados novamente.

As melloras asinadas hoxe teñen como obxectivo adecuar a norma para cumprir coas esixencias en formación pedagóxica e didáctica conforme o establecido na LOE, no relativo a todos os profesores de ensino secundario e das Escolas Oficiais de Idiomas. Todos terán un prazo de tres anos, que comeza o 1 de setembro do presente, para que os que sexan interinos ou substitutos pero que non cumpran coa lexislación realicen o máster universitario que lles habilita para o exercicio de docentes en secundaria obrigatoria, bacharelato formación profesional e ensinanzas de idiomas.

Listas duplicadas

Grazas a este convenio os docentes que ata agora só ían por una lista única tamén o poderán facer por especialidades, deste modo teñen dúas vías de acceso a un posto de traballo como interino ou substitutos. Así agora os rexistros clásicos se dividirán en latín e grego; e administración de empresas será ademais economía.

A todo isto engádese unha nova posibilidade para o persoal aspirante a desenvolver o seu traballo, como interinos ou substitutos, xa que agora poderán figurar en máis dun listado establecéndose una orde de adxudicación por corpos e por especialidades.

Con este novo acordo a Consellería volver a demostrar o seu interese por acadar unha mellora no nivel da calidade educativa, grazas a un acordo que proporcionará un maior beneficio social ademais de satisfacer a todos os axentes implicados no eido educativo.