Política Lingüística convoca axudas para promover a dinamización da lingua galega no ámbito local

A secretaría xeral destina máis de 600.000 euros a fomentar a prestación dun servizo lingüístico nos concellos e o desenvolvemento de programas de dinamización lingüística
Xov, 22/04/2010 - 12:47

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca 602.668 euros en subvencións para a promoción do uso do galego a través das entidades locais de Galicia. O obxecto concreto da convocatoria é fomentar a prestación dun servizo lingüístico, así como subvencionar a planificación e o desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega.

A convocatoria de axudas da secretaría xeral inclúe importantes cambios respecto das anteriores. Por vez primeira, poderán optar ás subvencións aqueles concellos que,  individualmente ou agrupados, acaden unha poboación igual ou superior a 3.000 habitantes que, ata o de agora, encontraban grandes dificultades para a prestación deste servizo aos seus cidadáns debido á limitación dos seus recursos. Deste xeito, Política Lingüística buscar darlle a máxima cobertura ao territorio galego chegando aos territorios con menor poboación, xa que máis do 50% dos concellos de Galicia teñen menos de 3.000 habitantes.

Ademais, na convocatoria tamén se detallan as funcións que debe desenvolver o servizo lingüístico, así como o perfil do técnico ou da técnica.

Modalidades de subvención e criterios de avaliación

A convocatoria consta dun total de catro modalidades de axuda. En primeiro lugar, subvención á creación dun servizo lingüístico dun concello. En segundo lugar, subvención á creación dun servizo lingüístico de dous ou máis concellos agrupados. A terceira modalidade é o mantemento ou reforzamento dun servizo lingüístico dunha entidade local. E, finalmente, contémplanse subvencións para o desenvolvemento de dinamización lingüística dunha entidade local carente de servizo lingüístico.

De maneira xeral, para a avaliación de solicitudes, priorizarase o agrupamento de dous ou máis concellos de menos de 3.000 habitantes. Ademais, atenderase á estabilidade dos servizos lingüísticos. Tamén se terá en conta a consideración estratéxica do servizo lingüístico e mais o establecemento de colaboracións con outras entidades que teñan incidencia no ámbito local.

No caso concreto das programacións de dinamización da lingua galega, a convocatoria tamén establece catro áreas prioritarias nas que promover o uso da lingua galega, que son a do deporte, a da mocidade, a do sector empresarial e das TIC.

Presentación de solicitudes

As entidades locais que desexen optar a estas axudas poderán formalizar a súa solicitude no modelo que aparece como anexo á resolución que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), ao que tamén se pode acceder a través da web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística, www.xunta.eslinguagalega, ou no portal dos concellos Eido Local, www.eidolocal.es/portal.

O prazo de presentación de solicitudes remata o próximo día 22 de maio.

Promover o uso do galego de xeito coordinado e planificado no ámbito local

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, consciente da necesidade de promover a coordinación en materia de normalización lingüística entre as diferentes entidades e administracións, está a desenvolver iniciativas para aumentar a efectividade das actuacións dinamizadoras dirixidas á sociedade.

Con este obxectivo, a secretaría xeral  porá en marcha a primeira rede de dinamización lingüística, dirixida a fomentar a dinamización e a cooperación entre as distintas entidades locais, co fin de potenciar o proceso de extensión do uso do galego de xeito coordinado e planificado.

Mentres se articula a rede, e co obxecto de apoiar as entidades locais de Galicia na promoción do uso do galego, a Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca estas axudas que lles permitan aos concellos desenvolver o seu labor de normalización na Administración e prestar os seus servizos lingüísticos que lles demanda a cidadanía.

Menús News node R

Departamento