O fomento da lingua galega a través das TIC centra o V Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino

A Coruña, Vigo e Lugo acolleron hoxe o inicio desta iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que chegará en maio ao resto das cidades galegas

Mar, 20/04/2010 - 19:33

Aproveitar as vantaxes das TIC para fomentar o uso do galego nos centros educativos. Este é un dos principais obxectivos do V Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino, unha iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística dirixida ao profesorado que comezou hoxe nas cidades da Coruña, de Vigo e mais de Lugo.

Ademais de contribuír á formación do profesorado, en xeral, e dos membros e coordinadoras dos equipos de dinamización e normalización lingüística, en particular, outro dos obxectivos deste seminario é a divulgación de experiencias pioneiras que se están a desenvolver nos centros de ensino galegos. Neste sentido, as sesións dos próximos días incorporarán a presentación de proxectos premiados á innovación en normalización e dinamización lingüística.

Outras experiencias de centros ofreceranlle ao profesorado modelos para achegar a lingua á mocidade dun xeito lúdico e fomentar o seu uso por parte desta. De aí que dúas sesións se dediquen á recuperación dos xogos populares e ao fomento da lingua oral a partir da posta en marcha dunha radio escolar.

A contribución de Daniel Cassany, un referente na didáctica de linguas

Daniel Cassany abriu hoxe as xornadas na Coruña coa sesión Ensinar a ler e a escribir na era dixital. Este profesor da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona, que é todo un referente no estudo da comunicación e didáctica de linguas, impartirá mañá en Vigo esta mesma sesión.

Autor de máis de 80 textos sobre a comunicación escrita, a redacción e a aprendizaxe de linguas, Cassany ten exposto en congresos, xornadas e seminarios de máis de 20 países. Desde hai anos, este profesor realiza un importante labor de investigación sobre o modo de ler e de escribir do alumnado de hoxe e o papel que lle cómpre desenvolver ao profesorado neste novo escenario.

Recursos web para a dinamización lingüística

Unha sesión sobre dinámicas de grupo e recursos web para a dinamización lingüística abriu as xornadas do seminario de Vigo. Mentres, as xornadas de Lugo comezaron cunha sesión teórico-práctica sobre o proxecto Webs Dinámicas da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que pon a disposición dos centros que o soliciten tres aplicacións da web 2.0. cunha gran potencialidade para a dinamización da lingua galega nos centros educativos.

Novas xornadas no mes de maio

O V Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino desenvolverase na Coruña, en Vigo e en Lugo ata o próximo xoves e mais durante os días 27, 28 e 29 deste mes. En maio tamén chegará ás cidades de Ourense, Pontevedra, Ferrol e Santiago de Compostela. O prazo para a inscrición nestas últimas localidades estará aberto ata o 23 de abril

Menús News node R