Anxo Lorenzo inaugura na USC as xornadas de presentación dun método para aprender linguas da mesma familia simultaneamente

O secretario xeral de Política Lingüística destacou a necesidade de impulsar a riqueza lingüística como un valor para comprender novos idiomas

Lun, 19/04/2010 - 20:54
Presentación do EuroCom
De esqueda a dereita: o profesor Tilbert Stegmann, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o director do departamento de Filoloxía Galega da USC, Francisco Cidrás

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, inaugurou hoxe, na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, as xornadas de presentación do EuroCom, un proxecto que definiu como “realmente interesante para afrontar algúns dos principais retos lingüísticos que aínda teñen hoxe as sociedades do século XXI, como son o coñecemento e a comprensión das linguas”.

O EuroCom constitúe un sistema que busca facilitarlles aos europeos o acceso ao plurilingüismo, ao tempo que pon en valor a riqueza cultural e lingüística de Europa. A estratexia fundamental deste proxecto baséase na utilización sistemática das semellanzas entre linguas pertencentes a unha mesma familia. Polo tanto, a economía da aprendizaxe reside en aproveitar o parentesco entre diferentes idiomas.

Neste sentido, o responsable de Política Lingüística salientou que as linguas oficiais de Galicia constitúen un capital social moi importante para acceder ao plurilingüismo. “Por iso –afirmou– é unha obriga das administracións públicas impulsar esta riqueza e transmitir o seu valor como unha oportunidade para a comunicación tanto dentro como fóra da nosa comunidade”.

Ademais, Anxo Lorenzo destacou a proximidade da lingua propia de Galicia co idioma portugués –un idioma irmá que cada vez conquista máis espazos estratéxicos dentro do contexto mundial– como unha vantaxe que reforza aínda máis as competencias receptivas da sociedade galega para aprender novos idiomas.

Fomento da convivencia cultural e lingüística

Durante a súa intervención, o responsable de Política Lingüística tamén salientou a utilidade do proxecto EuroCom para “a construción dun discurso que nos axude a entender a necesidade de traballar por unha convivencia cultural e lingüística firmemente asentada en España e en Europa”. Nesta liña, o secretario xeral indicou que “a sociedade galega debe contribuír con esa convivencia lingüística co principal elemento que nos define como pobo, a lingua galega. E, ao mesmo tempo, co esforzo e co compromiso que require achegármonos ás realidades lingüísticas e culturais do espazo internacional”.

O secretario xeral de Política Lingüística estivo acompañado no acto polo director do departamento de Filoloxía Galega da USC, Francisco Cidrás, así como polos profesores Esteve Clua, Tilbert D. Stegmann, Sabela Labraña e Ignacio Vázquez, estes dous últimos, autores da versión galega do EuroComRom.

Un método que desenvolve a percepción intuitiva

O EuroCom preséntase como un complemento á aprendizaxe tradicional de linguas. Concretamente, este método favorece a adquisición de competencias receptivas –a comprensión da escrita– simultaneamente en diversas linguas. Isto é, desenvolve a percepción intuitiva para axudarnos, a través da dedución e a asociación, entre outros mecanismos, á comprensión global dun texto. Ao mesmo tempo, este método senta as bases para o desenvolvemento posterior da competencia de comprensión oral, da produción oral e da expresión escrita.

Menús News node R