O conselleiro de Educación entrega os premios da III edición do certame de Interpretación Musical Caixanova, en Vigo

Xunto a Xesús Vázquez Abad estivo o presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso
Lun, 19/04/2010 - 13:47
 Xesús Vázquez Abad e Julio Fernández Gayoso durante a entrega dos premios
Xesús Vázquez Abad e Julio Fernández Gayoso durante a entrega dos premios

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, fixeron entrega dos premios do III certame de Interpretación Musical 2009, outorgados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e Caixanova. O acto, que tivo lugar no Centro Social da entidade en Vigo, contou coa presenza do director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira; e do responsable da Obra Social de Caixanova, Guillermo Brea.

Durante a súa intervención o conselleiro de Educación destacou a importancia de recoñecer os esforzos desenvolvidos polos premiados e dixo que “A música como arte, como creación do espírito humano, constitúe un elemento activo da cultura; a súa linguaxe permite comunicar, transformar ideas e opinións, compartir sensacións, crear e modificar costumes; pero, ademais, no contexto social que é característico das sociedades do progreso, posúe un valor indubidable. O seu crecente impacto na vida colectiva, ao igual que todas as demais vertentes artísticas e culturais, aporta a esta disciplina unha dimensión de progreso que non é posible ignorar. E, precisamente, nunha Comunidade como a nosa que conta cun enorme potencial humano, cunha exuberante e diversa tradición musical, cun rico caudal no presente e con amplísimas posibilidades de proxección futura, cómpre non perder de vista as posibilidades deste eido”.

Vázquez Abad recordou que o acordo ente a Consellería e Caixanova ten como obxectivo favorecer a excelencia musical do alumnado que obtén o seu título nos Conservatorio Superior de Música de Galicia. Un convenio que dixo que “esta plasmado en forma de Premios de Interpretación Musical, e que acada a súa máxima expresión cando os novos titulados superiores que veñen de rematar os seus estudos coa cualificación de Sobresaínte ou Matrícula de Honra, acceden ao escenario para as súas audicións públicas, meta da formación de todo instrumentista”.

Pola súa banda o presidente da entidade engadiu que a extensa participación neste certame confirma a boa saúde que viven os estudantes, centros e músicos galegos en xeral. Ademais, Julio Fernández Gayoso reivindicou o papel que xogan a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e Caixanova no desenvolvemento de proxectos como o taller de teatro da ESAD ou a coordinación dos programas de educación superior. O presidente da caixa de aforros galega lembrou tamén a aposta continua da entidade pola promoción dos máis novos.

Os galardoados

Nesta terceira edición a primeira galardoada foi Nuria Lorenzo López, estudante de Canto no conservatorio superior de Vigo; o segundo foi Javier Gúzman Figueira Domínguez da sección de violín do mesmo centro de estudos. O terceiro premio foi para Óscar González Estévez, estudante de clarinete no conservatorio superior da Coruña. Ademais, recibiron unha mención de honra o alumno de saxofón Alexandre Gallego Medal, e o de violín Fabio Salgado Hermida, dos conservatorios superiores da Coruña e Vigo respectivamente. Entre todos eles repartíronse un total de 16.000 euros.

Excelencia musical

Estes premios desenvolvidos pola Consellería de Caixanova teñen como obxectivo potenciar a excelencia musical do alumnado recén titulado nos Conservatorios Superiores de Galicia, o que se traduce na entrega destes premios. Este ano as probas  realizáronse entre os titulados superior que remataron os estudos con Matrícula de honor.

Dezasete aspirantes presentáronse as  probas realizadas o pasado mes de decembro ante un xurado presidido por relevantes profesionais, entre os que estaba Antón García Abril, un dos compositores máis galardoados do panorama musical español dos últimos decenios.