Declaración común sobre A Semana de Acción Mundial pola Educación

Mar, 20/04/2010 - 09:10
Campaña Mundial pola Educación
Campaña Mundial pola Educación

Acordo da Comisión Xeral da Conferencia de Educación:

A Semana de Acción Mundial pola Educación (SAME), apoiada pola UNESCO, está organizada pola Campaña Mundial pola Educación (CME).

A Campaña Mundial pola Educación, fundada en 1999, promove a educación como un dereito humano básico e está impulsada pola convicción de que unha educación de calidade para todos é alcanzable e pola preocupación polo enorme custo social nos países que carecen dela. Reúne organizacións non gobernamentais e sindicatos de educación en máis de cento cincuenta países do mundo, polo que conta cunha capacidade singular de mobilización da sociedade civil.

A Semana de Acción Mundial pola Educación, que se organiza anualmente dende 2001, é unha semana de mobilización cidadá, fundamentalmente de nenos, nenas e mozos, que pretende achegar as reivindicacións da Campaña á sociedade en xeral e aos responsables políticos de cada país e chamar a súa atención sobre a necesidade de facer real o dereito a unha educación básica de calidade. Celébrase todos os anos na última semana de abril, coincidindo coa data na que tivo lugar a firma do Cumio de Dakar no ano 2000. Aínda que as principais actividades da SAME teñen lugar durante o mes de abril, en realidade realízase un traballo continuado ao longo do ano, especialmente nos colexios.

Considerando o anterior, a Comisión Xeral da Conferencia de Educación acorda:

  1. Compartir e apoiar os obxectivos da Semana de acción mundial pola educación (SAME), que se celebrará do 19 ao 25 de abril.
  2. Animar a comunidade educativa en xeral e aos centros educativos en especial a participar activamente e implicarse na realización de todo tipo de actividades de difusión dos devanditos obxectivos.