O bipartito pagou os comedores ata dous días máis tarde ca actual Consellería

Mentres o anterior goberno pagou un trimestre o actual abona un semestre
Sáb, 17/04/2010 - 14:03

O Goberno bipartito abonou as partidas dedicadas aos comedores escolares ata dous días despois do que vén de facer a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Xesús Vázquez Abad, segundo consta na Dirección Xeral do Tesouro e nas diferentes habilitacións provinciais.

Mentres os cartos chegaron ás contas dos centros escolares os pasados mércores e xoves, hai un ano eses pagos non estiveron totalmente realizados ata o día 16. Ademais, mentres o goberno bipartito só se fixo cargo do trimestre xaneiro-marzo, a Consellería de Vázquez Abad deu instrucións aos seus departamentos territoriais para que ordenen anticipadamente os pagos das bolsas de comedores de todo o primeiro semestre de 2010.

A Consellería de Educación quere sinalar ademais que os trámites administrativos que remataron o pasado xoves, xa se iniciaran o pasado 22 de febreiro, polo que o emprego de censurables formas de presión, nas que se utilizaron aos propios nenos, en nada influíu para que se producira un desenlace cuxo prazo de días era coñecido polos organizadores do mencionado acto propagandístico, de claro signo e intencionalidade política.

Por outra banda a Consellería de Educación reitera que non pechará nin un só comedor escolar e garante que tódolos usuarios dos mesmos seguiran sendo atendidos cos mesmos criterios de calidade alimentaria.