Vázquez Abad salienta o reforzo que supón para instalacións como a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla o investimento de 3 millóns de euros de cultura e educación en infraestruturas científico-tecnolóxicas

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia percorreu xunto ao reitor da Universidade de Vigo os tres edificios da ECIMAT, onde se realizan investigacións relativas ao ámbito mariño
O conselleiro recordou que se asinarán convenios coas tres universidades galegas por tres millóns de euros para o gastos de equipamento dos grupos e melloras nos centros de investigación
Xov, 20/09/2012 - 13:46
Vázquez Abad visita as instalacións da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla
Vázquez Abad visita as instalacións da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, destacou hoxe a aposta que está a facer o departamento educativo da Xunta de Galicia pola investigación universitaria como motor de desenvolvemento para Galicia, malia ás dificultades impostas pola crise económica, Así o sinalou durante o percorrido que realizou, en compañía do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, polas instalacións da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, en Vigo. “Un centro que se vai ver reforzado grazas ao investimento de 3 millóns de euros que a Consellería de Cultura e Educación vai realizar en infraestruturas científico-tecnolóxicas de investigación”, explicou. Ademais  lembrou que o Consello da Xunta da pasada semana xa deu o visto e prace á sinatura de convenios coas tres universidades galegas para este fin, e que “en vindeiras datas asinarase un convenio por un millón de euros coa Universidade de Vigo neste sentido”.

Aposta investigadora

O titular de Educación da Xunta sinalou ante os medios que “do mesmo xeito tamén serán asinados convenios coas universidades de Santiago e de Coruña. En total serán tres millóns de euros que dan conta, unha vez máis, da aposta da administración autonómica por poñer as bases dunha economía baseada no coñecemento e o desenvolvemento tecnolóxico” ao que engadiu que “este investimento ten como obxectivo financiar os gastos de equipamento e melloras nas infraestruturas científico-tecnolóxicas, e apoiar as actividades que se están a desenvolver nos centros correspondentes a cada unha das tres universidades galegas e os grupos de investigación”.

Pola súa parte, a USC, a UDC e a UVigo promoverán o desenvolvemento de actividades que relancen a calidade da actividade investigadora nos seus respectivos centros, co fin de convertelos en centros de referencia e excelencia na produción científica, cunha importante capacidade competitiva e de transferencia á sociedade.

Crecemento de Galicia

Estes convenios están enmarcados no Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C), que marca como obxectivo prioritario estimular o crecemento económico e social de Galicia mediante o impulso e a consolidación do seu capital científico e tecnolóxico. Para isto, o Plan establece nos seus eixes estratéxicos 2 e 3 a necesidade dunha maior estruturación do sistema público de investigación, de maneira que se cree unha contorna favorable á investigación, que garanta a eficiencia operativa e financeira.

Durante o percorrido polas instalacións do ECIMAT o conselleiro estivo acompañado polo secretario xeral de Universidades  a subdirectora xeral de promoción científica e tecnolóxica universitaria, José Alberto Díez de Castro e María Jesús Tallón respectivamente. Ademais tamén estiveron o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; e a vicerreitora de Investigación e o de Economía e Planificación, Asunción Longo González e José Manuel González, todos eles xunto ao director do ENCIMAT, Ricardo Beiras García- Sabell.

As instalacións

Durante a súa estancia no ECIMAT o conselleiro percorreu este edificio de carácter modular que pona disposición da comunidade universitaria e de outras institucións as instalacións precisas para realizar investigacións relativas ao auga do mar e cultivos mariño. Así as instalacións están compostas por tres unidades, sendo unha delas a dedicada a cultivos mariños e que ten módulos de auga de mar, doce e una sección de cultivos auxiliares.

Ademais, outro departamento están dedicado ao medio mariño para realizar investigacións con mostras de auga para a análise de imaxe. Finalmente hai un apartado destinado a realización de actividades subacuáticas cun pañol de mergullo equipado, acceso ao mar polo pantalán e unha embarcación pneumática.