A Consellería de Cultura e Educación e mais a Deputación da Coruña levan ‘Redecinema’ a Betanzos

Mercé á colaboración entre as dúas institucións a localidade betanceira acollerá este xoves a proxección do filme ‘Vilamor’ na Praza da Constitución ás 22:00 horas
‘Redecinema’ chega xa a 42 localidades da Rede de Dinamización Lingüística
Mér, 12/09/2012 - 15:20
Valentín García presentou o ciclo en Betanzos
Valentín García presentou o ciclo en Betanzos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística e presidente da Rede de Dinamización Lingüística (RDL), Valentín García, presentou hoxe en Betanzos o programa Redecinema, no marco do que chegará a este concello o filme Vilamor, que será proxectado este xoves, 14 de setembro, na Praza da Constitución ás 22:00 horas.

No acto de presentación, que tivo lugar no Edificio Arquivo-Liceo, participaron, canda Valentín García, o director de Vía Láctea Filmes e de Vilamor, Ignacio Vilar, e mais unha das actrices, Sheyla Fariña. O secretario xeral estivo acompañado pola vicepresidenta da Deputación coruñesa e mais polo alcalde.

Compromiso das administracións coa promoción do idioma

“A Rede de Dinamización Lingüística está a despregar máis de 300 accións dinamizadoras dirixidas á cidadanía da súa área de acción e faino, ao tempo, apostando por proxectos audiovisuais coma este, e por artistas e profesionais do mundo da música, das artes escénicas etc. O obxectivo é, entre todos, darlle unha maior proxección e visibilidade ao idioma desde o ámbito máis proximo, o local”, dixo o secretario xeral durante a presentación.

O presidente da RDL tamén fixo fincapé “no reforzo das relacións interinstitucionais que está propiciando o proxecto posto en marcha polo Goberno galego, e que está a dar como froito unha maior implicación conxunta das diferentes administracións comprometidas coa promoción do uso da lingua galega”.

Redecinema en 42 localidades da RDL

Redecinema chega ao concello de Betanzos -membro da RDL- grazas á colaboración da Deputación da Coruña e mais da Secretaría Xeral de Política Lingüística para levar un programa estival de dinamización lingüística ás localidades coruñesas de Ames, Arteixo, Boiro, Cee, Curtis, Ferrol, Fisterra, Melide, Muros, Oleiros, Ortigueira, Padrón, Ponteceso, Santiago de Compostela ,Teo e Zas.

Canda a estas, Redecinema chega, desde o pasado mes, a outras 25 localidades galegas pertencentes a RDL. En todas elas proxéctase Vilamor, o filme rodado en Galicia e en galego, que se estreou en Ourense con motivo das Letras Galegas 2012 e que está a recibir numerosos recoñecementos desde o eido das artes escénicas.

Con Redecinema, as proxeccións de Vilamor son de balde, destinadas a todos os públicos e están a ter lugar, preferentemente -sempre que as condicións metereolóxicas o permitan- ao aire libre durante os seráns de setembro nos concellos da RDL, baixo o formato de cinema de verán, do mesmo xeito que xa se puido ver en numerosos concellos durante o mes de agosto.

Toda a información e mais o calendario de proxeccións están dispoñibles en www.xunta.es/linguagalega/redecinema.

Apoio e promoción do audiovisual desde a RDL

Os obxectivos cos que a Xunta de Galicia e as deputacións da Coruña, Pontevedra e Ourense, desenvolven este novo programa, entroncan cos recollidos no Plan xeral de normalización da lingua galega, que aspira a promover a creatividade con base en galego e mais a aumentar a oferta de produtos de cultura e de ocio na nosa lingua. En especial, para promover o uso do galego nas actividades lúdicas e de lecer; para visibilizar a acción dinamizadora en lugares abertos e públicos; para potenciar artistas e dinamizadores galegos, e mais para favorecer a incorporación do galego á programación das actividades estivais realizadas nos concellos.