Anxo Lorenzo defende unha política lingüística “transversal” e o fomento da lingua galega nos sectores sociais prioritarios

O secretario xeral compareceu hoxe no Parlamento para facer balance das iniciativas impulsadas polo seu departamento durante o 2009

Xov, 08/04/2010 - 19:33

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, fixo hoxe un balance positivo das numerosas iniciativas levadas a cabo polo seu departamento en 2009 para fomentar o uso da lingua galega. Durante a súa comparecencia esta tarde na Comisión 4ª de Educación e Cultura, Anxo Lorenzo expuxo as principais liñas de actuación desenvolvidas nos últimos meses polo departamento que dirixe, que supuxeron o desenvolvemento de máis de 100 medidas do Plan xeral de normalización da lingua galega.

O responsable da secretaría xeral explicou que o seu departamento está a aplicar estratexias e recursos que aseguren a “efectividade” das actuacións, así como a fomentar “a implicación dos diferentes sectores da sociedade no proceso de promoción lingüística, de maneira que logremos unha ampliación de ámbitos de uso que posibiliten vivirmos en galego”. Ao mesmo tempo, Anxo Lorenzo incidiu na consolidación das políticas lingüísticas como “un eixe transversal na actuación do Goberno galego desde a área de Educación e Ordenación Universitaria”.

O fomento da competencia en galego por parte da sociedade, o desenvolvemento da investigación sobre esta lingua, a súa dinamización social e a proxección exterior do idioma propio de Galicia fóra das fronteiras administrativas da comunidade foron as principais liñas de actuación da secretaría xeral. Liñas de actuación que se traduciron, entre outras iniciativas, na realización de máis de 250 cursos de galego, na publicación de 11 obras a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, nos convenios con 50 entidades dos diversos sectores sociais –entre as que se atopan a Real Academia Galega, o Instituto da Lingua Galega e as tres universidades de Galicia– ou nas axudas para a edición de recursos didácticos curriculares en lingua galega.

A coordinación dos poderes públicos para fomentar o galego

Xunto con estas iniciativas, Anxo Lorenzo destacou o impulso levado a cabo por Política Lingüística no proceso de coordinación dos poderes públicos para fomentar o galego. Froito deste labor foron os traballos iniciais para a constitución da primeira rede de dinamización lingüística local, que favorecerá un marco que aspira á estabilidade común entre o espazo local e a Administración autonómica na promoción do galego.

En relación á educación, Anxo Lorenzo referiuse á convocatoria de axudas aos equipos de normalización e dinamización lingüística para fomentar o galego desde este ámbito, así como ao proxecto de decreto para o plurlingüismo presentado pola Consellería de Educación para establecer un novo marco educativo en Galicia, de calidade e perdurable no tempo. Un proxecto de decreto que –dixo Anxo Lorenzo– buscou desde o primeiro momento un consenso e no que se introduciron preto de 50 modificacións que responden a propostas realizadas durante o trámite de audiencia.

“A promoción da lingua galega –apuntou o secretario xeral– é unha obriga lexislativa do Goberno, pero tamén un compromiso que todas e todos os galegos que integramos esta sociedade debemos compartir”.

Finalmente, indicou que as estratexias postas en marcha por Política Lingüística responden á finalidade de “crear un clima positivo que favoreza unha convivencia lingüística e o desenvolvemento do proceso de extensión social da lingua galega”.

Menús News node R