A Consellería de Educación porá en valor a FP coa adaptación de novos currículos e a aprobación dun novo decreto que regule estas ensinanzas

O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace aos títulos de técnico en Confección e Moda, técnico superior en Patronaxe e Moda, e técnico superior en Audioloxía Protésica

Xov, 08/04/2010 - 14:46

O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace á adaptación á Lei orgánica de educación (LOE) e á Lei das cualificacións e a formación profesional de tres novos currículos de formación profesional, correspondentes aos títulos de técnico en Confección e Moda, técnico superior en Patronaxe e Moda, e técnico superior en Audioloxía Protésica. Así mesmo, o temario da Comunidade Autónoma de Galicia queda harmonizado co Sistema Nacional das Cualificacións Profesionais, cunhas titulacións preparadas ás esixencias dos diferentes campos profesionais, e que dan resposta á realidade socioeconómica galega e ás necesidades de cualificación do sector produtivo, o que favorece unha inserción laboral inmediata e unha proxección profesional futura.

Deste xeito, ponse un punto e seguido a un proceso de reforma e modernización da FP, que ata o momento adaptou 20 ciclos formativos nesta lexislatura e harmonizou con eles outros 6 xa modificados polo goberno anterior. Nesta liña, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa está a traballar sobre oito novos currículos cos que mellorar a oferta e poñer en valor estes estudos, e situar Galicia entre as primeiras comunidades autónomas en ter adaptado todos os títulos autorizados polo Ministerio de Educación. Esta estratexia compleméntase coa próxima aprobación dun novo decreto que regulará a formación profesional, introducindo nos ciclos formativos as linguas estranxeiras e que recolle promover o espírito emprendedor entre os estudantes, nos que se desenvolverá ademais unha identidade profesional que os leve a interesarse por unha aprendizaxe continua, adaptándose á evolución dos procesos produtivos e ao cambio social.

Profesionais máis cualificados

Ao abeiro das modificacións realizadas nos currículos, nos devanditos ciclos formativos de grao medio e superior quedan perfectamente definidos a identificación do título, o seu perfil profesional, o ámbito profesional, a prospectiva do título no sector ou nos sectores, as ensinanzas do ciclo e a correspondencia dos módulos profesionais coas unidades de competencia para a súa acreditación, validación ou exención. Quedan fixados tamén os obxectivos xerais que o alumnado debe alcanzar ao finalizar o ciclo formativo e as competencias que deben adquirir os alumnos e as alumnas nun contexto de aprendizaxe en cada módulo, de tal forma que obteñan a cualificación precisa para desenvolver o seu labor con éxito.

Así mesmo, os novos currículos inclúen un módulo de formación en centros de traballo con que os estudantes completarán a formación adquirida no centro educativo mediante a realización de prácticas en situacións reais de traballo no ámbito produtivo do centro, de acordo coas esixencias derivadas do Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional. Ademais, inclúese formación relativa á prevención de riscos laborais dentro do módulo de formación e orientación laboral, que aumenta a empregabilidade do alumnado que supere estas ensinanzas e facilita a súa incorporación ao mundo do traballo, ao capacitalo para levar a cabo responsabilidades profesionais equivalentes ás que precisan as actividades de nivel básico en prevención de riscos laborais.

Por outra banda, quedan establecidos os accesos a outros estudos, as validacións, exencións e equivalencias. Neste sentido, ábrese a posibilidade de acceder aos estudos universitarios desde calquera ciclo formativo de formación profesional de grao superior; e a de validar os estudos de formación profesional de grao superior por créditos universitarios ECTS -Sistema Europeo de Transferencia de Créditos-. O obxectivo é o de fomentar a mobilidade desde a FP cara a outros estudos, unha tendencia que se está a xeneralizar na Unión Europea e na OCDE.