Cultura e Educación compromete máis de 2 millóns de euros para a continuación da formación e a incorporación ás universidades galegas de 24 investigadores dos programas Isidro Parga Pondal e Ramón y Cajal

Desta forma, a Consellería volve pór de manifesto a súa aposta pola investigación e a innovación como motor de desenvolvemento de Galicia
Con eles, continúanse a respectar os compromisos adquiridos no antigo Plan INCITE
Xov, 06/09/2012 - 17:12

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria achegará máis de 2 millóns de euros para prorrogar os contratos de 18 investigadores do programas Isidro Parga Pondal (ano 2009) e a facilitar a incorporación ás universidades do SUG de 6 investigadores do Programa Ramón y Cajal. Así o aprobou hoxe o Consello da Xunta, que deu luz verde á convocatoria das prórrogas das axudas que se inician en 2012 do Programa Isidro Parga Pondal, co fin de darlle continuidade á contratación de doutores cunha formación posdoutoral contrastada nas universidades do sistema universitario de Galicia. Así mesmo, aprobouse a concesión de axudas á USC e á UVigo para a incorporación de persoal investigador Ramón y Cajal, no marco do Programa de incentivación da incorporación e intensificación da actividade investigadora (Programa I3) - xestionado polo Ministerio de Economía e Competitividade-.

Parga Pondal

De acordo coa aprobado, a Consellería achegará 1.231.200 euros ás tres universidades galegas, para que prorroguen os contratos en vigor subscritos coas persoas seleccionadas no Programa Isidro Parga Pondal da convocatoria de 2009.

En total, serán 18 os investigadores que poidan optar á prórroga, dun máximo de dous anos. Deles, 9 pertencen á Universidade de Santiago de Compostela, 7 á Universidade de Vigo e 2 á Universidade da Coruña.

Programa I3

Respecto dos 6 investigadores vencellados ao Programa de incentivación da incorporación e intensificación da actividade investigadora (Programa I3), o departamento educativo da Xunta de Galicia destinará un total de 773.046,90 euros para fomentar a incorporación estable destas persoas cunha traxectoria investigadora destacada ás universidades do SUG.

A achega cubrirá, en concreto, a contratación de 5 investigadores na USC e 1 na UVigo por un período de 3 anos, cunha retribución equivalente á dun profesor titular de universidade.

Aposta pola investigación

Deste xeito, a Consellería dá cumprimento ao establecido no Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica 2005-2010 (INCITE) que, aínda que xa non está en vigor, recollía a posibilidade de convocar a prórroga do programa Isidro Parga Pondal para a concesión de 2009. Neste sentido cómpre lembrar que a Consellería xa prorrogou en 2011 os contratos a outras accións formativas encadradas no INCITE, tales como as axudas a contratos predoutorais de formación en universidades do SUG concedidos en 2009, María Barbeito; as axudas á incorporación de tecnólogos e axentes de innovación e xestión de proxectos de I+D en universidades do SUG concedidos en 2009, Isabel Barreto; e as propias axudas á contratación de doutores en universidades do SUG concedidos en 2008, Isidro Parga Pondal. Unha convocatoria á cal puideron acollerse ata 115 investigadores e á cal a Consellería achegou máis de 3,6 millóns de euros.

Neste sentido, estas novas accións son unha manifestación máis da aposta do departamento educativo da Xunta de Galicia pola I+D, na procura dun crecemento para Galicia fundamentado no coñecemento e na innovación e, polo tanto, sustentable. Desta forma dáse ademais continuidade ao labor científico que os investigadores galegos están a desenvolver, evitando que teñan que buscar saídas laborais fóra de Galicia.