Eroski recibe o premio á promoción da realidade plurilingüe do estado por incorporar todos os idiomas oficiais á súa actividade

A Xunta de Galicia, xunto co resto de gobernos autonómicos con lingua cooficial, entregáronlle hoxe ao presidente do grupo empresarial este galardón
Mar, 30/03/2010 - 20:35
Eroski recibe o premio á promoción da realidade plurilingüe do estado
Eroski recibe o premio á promoción da realidade plurilingüe do estado

Os máximos representantes da política lingüística en Galicia, Euskadi, Cataluña e Baleares entregaron hoxe o Premio á promoción da realidade plurilingüe do Estado español, que na súa segunda edición lle foi concedido á cadea de alimentación Eroski.

A través deste premio, os catro gobernos distinguen a incorporación do contorno lingüístico na política empresarial de Eroski desde a década dos 70, inicialmente en relación ao éuscaro, posto que a cooperativa naceu en Euskadi, pero estendida territorialmente coa mesma intensidade e convicción ás restantes paisaxes lingüísticas do Estado español.

Na cerimonia, que se celebrou no Círculo de Bellas Artes de Madrid, participaron a conselleira de Cultura de Euskadi, Blanca Urgell; o secretario de Política Lingüística da Generalitat de Catalunya, Bernat Joan; o secretario  xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, e a directoral xeral de Política Lingüística do Gobern de les Illes Balears, Margalida Tous. Recolleu o galardón o presidente do grupo Eroski, Constan Dacosta.

Fomentar a percepción da realidade plurilingüe como unha riqueza

Na entrega do premio, o responsable da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, recorreu na súa intervención a unha cita de Daniel R. Castelao, na que este ilustre político galeguista afirmaba que “soamente preservando as nosas enerxías autóctonas, a nosa capacidade creadora, é como poderemos contribuír á civilización universal incorporando á mesma as nosas creacións inéditas”.

A través desta cita, o secretario xeral ilustrou a “responsabilidade inalienable” que teñen os gobernos autonómicos asinantes do Protocolo xeral de colaboración en materia de política lingüística de impulsar a percepción da realidade plurilingüe do Estado español como “un sentimento de aprezo por un ben que é fonte de riqueza cultural, artística e tamén económica”.

A conselleira de Cultura do Gobierno Vasco afirmou que “desde o Goberno vasco, cremos que a nosa política lingüística ten que ir encamiñada a recoñecer, entender e respectar as diferenzas, os dereitos e as liberdades da cidadanía. Por iso, defendemos o dereito de toda a cidadanía a ser atendida e entendida na lingua que desexe, non só na súa relación coa Administración, senón tamén coas entidades privadas.

Garantir a opción lingüística do consumidor

Pola súa banda, o secretario de Política Lingüística da Generalitat de Catalunya, Bernat Joan, destacou na súa intervención que Eroski, ao asumir con criterios de responsabilidade social as linguas de cada territorio e garantir o respecto á opción lingüística dos seus clientes, se adiantou aos propios poderes públicos estatais e mostrou unha visión estratéxica avanzada ao que posteriormente estudos como ELAN demostraron: que a incorporación de estratexias multilingües nas empresas supón un beneficio directo á súa capacidade de comunicación e aumenta indubidablemente as súas oportunidades de negocio.

A directora xeral de Política Lingüística do Goberno Balear, Margalida Tous, sinalou que “Eroski é unha das marcas de referencia para os cidadáns do Estado español, que soubo demostrar, amplamente, que nunha minúscula caixa de apenas catro centímetros cúbicos é posible imprimir as palabras cerillas, llumins, mistos (palabra que, además, compartimos cos galegos) e pospolo ontzi”. Ante esta evidencia, ao seu xuízo, as barreiras que moitos outros establecementos ou marcas pretenden esgrimir  por falta de espazo “caen polo seu propio peso”.

Pola súa banda, Constan Dacosta, presidente de Eroski, recolleu o galardón e, logo de agradecer este recoñecemento, afirmou que “esta acción está en perfecta sintonía coa de ser bo veciño que a empresa acomete en todas as súas actuacións. Eroski é do lugar onde traballa, porque os seus empregados son do lugar, relaciónanse cos clientes de acordo coas súas prácticas sociais e tamén lingüísticas, e como sinal destacable desta actuación ofrece o etiquetado cuadrilingüe na súa marca propia desde hai máis de tres décadas”. 

Eroski: vontade expresa de integrar todas as linguas oficias na súa actividade

A política de Eroski de incorporar todas as linguas do territorio contémplase nos estatutos desta cooperativa, que dispoñen no seu artigo 7 o seguinte: “Terán carácter de linguas oficiais da cooperativa aquelas que o sexan nas diferentes comunidades autónomas onde estea implantada a sociedade”.

Os mesmos estatutos explicitan a vontade da empresa de ser recoñecida como unha organización de referencia no impulso e na integración das linguas na súa actuación comercial, co obxectivo final de mellorar a atención aos seus clientes e de asumir como responsabilidade social propia o respecto e a sensibilización polos elementos culturais de cada territorio. Concretamente, exprésanse neste sentido ao estableceren que: “Pretendemos estar ao carón do uso lingüístico de cada pobo e da súa sensibilidade plural, facendo que a meirande parte das persoas que acoden aos establecementos e/ou interactúan coa cooperativa se sintan cómodos tamén dende o punto de vista lingüístico”.

Esta foi a segunda edición do premio, cuxo obxectivo é recoñecer o labor realizado por persoas, entidades ou empresas que constribúen á promoción e á incorporación da diversidade lingüística do Estado. Na súa primeira edición galardoóuse á empresa Microsoft Ibérica.

A institución deste premio, que consiste nunha distinción honorífica sen contía económica,  inscríbese no marco do Protocolo de colaboración en materia de política lingüística que teñen subscrito os catro gobernos.