Vázquez Abad entrega os diplomas acreditativos aos escolares que participaron nun dos programas contra o abandono escolar que se acolleron á liña de axudas convocadas pola Consellería

O obradoiro de escultura, impartido en Abegondo, acolleuse á convocatoria destinada pola Consellería aos entes locais, que foi resolta no DOG por un importe de máis de 1.300.000 euros para 132 concellos
O curso foi dirixido a rapaces de entre 16 e 24 anos sen escolarizar, co fin de favorecer a súa reinserción no sistema educativo
Sáb, 01/09/2012 - 18:00

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, entregou hoxe 10 diplomas acreditativos aos rapaces do municipio de Abegondo que participaron nun dos programas contra o abandono escolar realizados polos entes locais. En concreto, a actividade impartida polo artista Francisco Escudero foi un obradoiro de escultura, que se acolleu á liña de axudas convocada pola Consellería para este fin. A resolución desta convocatoria publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 11 de xullo, por un importe de máis de 1,3 millóns de euros, destinados a 132 concellos.

O conselleiro e o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, compartiron coas mozas e mozos de entre 16 e 24 anos que participaron neste obradoiro as experiencias vividas durante o mes de agosto. Ao longo do desenvolvemento do curso, as rapazas e rapaces puideron adquirir coñecementos básicos para o acceso a estudos vencellados co debuxo artístico, o debuxo liñal, o modelado, ou a talla en pedra, entre outros. Neste obradoiro o alumnado puido ademais adquirir competencias relacionadas con diferentes oficios, tales como o de chapista, carpinteiro, delineante, deseñador, decorador, albanel, ebanista, ferreiro, oficios artesáns e outros oficios dedicados ás artes plásticas.

Éxito escolar e redución do abandono temperán

Esta iniciativa desenvolveuse co obxectivo de favorecer o desenvolvemento dun programa de actividades que conseguira proporcionar unha formación integral ao alumnado e, ao mesmo tempo, a promoción do esforzo compartido de toda a comunidade educativa na procura do éxito escolar e na redución do abandono temperán dos estudos.

Con estas actividades programadas polo concello, procúrase incidir sobre as causas do abandono escolar e facilitar así que as mozas e mozos que abandonaron o sistema educativo poidan reinserirse no sistema educativo, e mesmo prepararse para as probas de obtención do graduado en educación secundaria obrigatoria ou para incorporarse a estudos de formación profesional de grao medio ou de bacharelato.