A Consellería de Educación impulsa os sectores produtivos de Química e de Enerxía e Auga coa aprobación dos currículos de tres novos ciclos formativos

O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace aos títulos de técnico en Planta Química, técnico superior en Eficiencia Enerxética e Enerxía Solar Térmica; e técnico superior en Química Industrial
Xov, 25/03/2010 - 14:15

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está a impulsar o desenvolvemento dos sectores produtivos galegos, tarefa á que contribuíu coa aprobación de tres currículos de ciclos formativos da familia profesional de nova creación de Enerxía e Auga, e da de Química. Deste xeito, o Consello da Xunta deu o visto e prace á adaptación dos títulos de grao medio correspondente ao título de técnico en Planta Química, grao superior correspondente ao título de técnico superior en Eficiencia Enerxética e Enerxía Solar Térmica, e grao superior correspondente ao título de técnico superior en Química Industrial.

Estes currículos supoñen unha novidade con respecto á oferta educativa anterior, xa que corresponden a novas titulacións. Así, o grao superior en Eficiencia Enerxética e Enerxía Solar Térmica, e o nacemento paralelo da familia profesional de FP ‘Enerxía e Auga’, dá resposta ás crecentes demandas das empresas galegas nun sector en pleno desenvolvemento. Por outra banda, os ciclos de Planta Química e de Química Industrial incorpóranse á oferta formativa de Galicia, abrindo a posibilidade aos estudantes de obter títulos adecuados ás necesidades de cualificación do tecido socioprodutivo galego.

Desta forma foméntase a inserción no mercado de traballo dos titulados, nuns estudos cuxo grao de empregabilidade acada o 80%.

Ademais, os currículos quedan adaptados aos requirimentos da Lei das cualificacións e a formación profesional, e da Lei orgánica de educación (LOE). O proceso que está a seguir a consellería permitirá ter aprobados 20 ciclos formativos en tan só un ano -11 de grao superior e 9 de grao medio-, fronte aos 6 que adaptou o Goberno anterior en toda a lexislatura.

Os novos decretos de formación profesional están adaptados ao Sistema Nacional das Cualificacións Profesionais, polo que facilita que se poida facer o recoñecemento de experiencia laboral aos profesionais do sector que adquiriron as competencias profesionais a través de ensinanzas non reguladas, ou do desenvolvemento da actividade laboral. Isto favorécese, ademais, ao quedar determinadas as ensinanzas do ciclo formativo e a correspondencia dos módulos profesionais coas unidades de competencia para a súa acreditación, validación ou exención.

Con esta mesma finalidade, a inclusión do módulo de formación en centros de traballo posibilita que o alumnado complete a formación adquirida no centro educativo mediante a realización de prácticas en situacións reais de traballo no contorno produtivo do centro, de acordo coas exixencias derivadas do Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional. Outra das novidades desta liña é a inclusión da formación relativa á revención de riscos laborais dentro do módulo de formación e orientación laboral, que capacita o alumnado para levar a cabo responsabilidades profesionais equivalentes ás que precisan as actividades de nivel básico en prevención de riscos laborais.

Mobilidade

Nos novos currículos dos ciclos formativos quedan definidos, así mesmo, os accesos a outros estudos, as validacións, exencións e equivalencias. Na mesma liña, coas modificacións introducidas, os estudantes de grao superior poderán acceder directamente á universidade, e validar os seus estudos por créditos universitarios ECTS, co que se favorece a mobilidade cara ao bacharelato e aos estudos universitarios.

Esta iniciativa forma parte da estratexia integral de posta en valor da FP que está a desenvolver a Consellería de Educación para poñer en valor estes estudos, que constitúen un auténtico sistema de oportunidades tanto para acceder ao mundo de traballo como a outros tipos de formación.