A Consellería de Cultura e Educación apoia a excelencia dos investigadores galegos con 900.000 euros en achegas para os participantes no prestixioso programa Starting Grant

Seis investigadores galegos obtiveron axudas deste programa europeo, que se verán complementadas coas axudas da Xunta de Galicia
Deste xeito o departamento educativo da Xunta de Galicia premia os investigadores máis destacados na captura de fondos públicos de programas nacionais e europeos
Sáb, 11/08/2012 - 10:05

Declaracións do secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria achegará 900.000 euros ás universidades galegas para complementar as axudas concedidas aos líderes galegos seleccionados polo prestixioso  programa europeo Starting Grant.  

Deste xeito o departamento educativo da Xunta de Galicia premia os investigadores máis destacados na captura de fondos públicos de programas nacionais e europeos Neste sentido cómpre lembrar que a concesión das axudas de Starting Grant a 6 investigadores galegos constitúen un gran logro para o Sistema Universitario de Galicia (SUG), xa que se trata dun programa símbolo da investigación de calidade, e recoñecido internacionalmente.

Con estas axudas, a Consellería de Cultura e Educación recoñece o labor destes investigadores, ao tempo que contribúe ao avance da I+D+i nas universidades do SUG, cos evidentes beneficios de transferencia de coñecemento á sociedade, e o prestixio das nosas universidades.

Destinatarios

Os beneficiarios destas axudas serán Carlos Salgado López, Miguel López Pérez, Rubén Nogueiras Pozo e Francisco Rivadulla Fernández da USC, David Posada González da UVIGO; e Héctor Gómez Díaz, da UDC; investigadores aos que o Consello Europeo de Investigación (ERC) concedeu axudas ao abeiro do Programa Starting Grants.

O Programa Starting Grant está destinado a axudar á creación de grupos de investigación independentes ou a consolidar grupos incipientes cuxa actividade investigadora estea na fronteira do coñecemento en calquera temática e amose unha traxectoria prometedora, polo que se trata dun programa moi competitivo.

Destino da achega

Para contribuír á actividade desenvolvida ao abeiro deste programa, as universidades das que dependen os líderes das Starting Grants recibirán 50.000€ anuais por líder durante 3 anos. As universidades poderán destinalos á contratación de persoal investigador ou auxiliar para o grupo, á compra de pequeno equipamento e material funxible, custos de mantemento derivados de materiais, subministracións, instrumental ou material bibliográfico e adhesión a sociedades científicas.

Ademais as axudas poderán destinarse á formación dos membros do grupo relacionada coa actividade obxecto da axuda, á organización de actividades de difusión e á posta en marcha de ferramentas de xestión do coñecemento e a información, tales como aplicacións informáticas, bases de datos, etc.