A Consellería de Cultura e Educación impulsa a educación para persoas adultas coa implantación das ensinanzas de bacharelato semipresencial no centro penitenciario de Teixeiro
Máis de 300 internos reciben actualmente atención educativa cada curso escolar no centro EPA de Teixeiro
O modelo impulsado pola consellería que dirixe Vázquez Abad permitirá que os internos reciban unha educación presencial e máis personalizada.
Xov, 09/08/2012 - 11:40

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de autorizar as ensinanzas de bacharelato semipresencial no centro EPA de Teixeiro, onde actualmente máis de 300 internos reciben atención educativa cada curso escolar no centro de educación de adultos con sede na entidade penitenciaria.

A consellería dirixida por Xesús Vázquez Abad mantén aberta unha importante rede de centros de educación para persoas adultas nas institucións penitenciarias de Galicia, onde actualmente reciben atención educativa básica  máis de 1.300 persoas cada curso escolar. Agora, ademais de ofertar as ensinanzas de nivel básico, a consellería de Educación promove tamén o desenvolvemento de ensinanzas postobrigatorias entre este colectivo.

Un modelo de atención presencial e personalizada

Nos últimos anos víñase producindo unha demanda de ensinanzas de bacharelato entre os internos de Teixeiro. O alumnado que desexaba continuar os seus estudos matriculábase na modalidade a distancia telemática no IES San Clemente, ubicado en Santiago de Compostela, que coordina a oferta para toda a comunidade. Porén as especificidades do alumnado destas institucións, que esixen unha atención moi característica supoñían unha dificultade no devandito modelo, pola súa vinculación co uso de internet.

Por esta razón, a Consellería de Educación decidiu autorizar as ensinanzas de bacharelato semipresencial no centro EPA de Teixeiro, onde máis de 300 internos reciben atención educativa cada ano. Esta iniciativa xa leva funcionando dous cursos no centro EPA da Lama (Pontevedra), no que máis de 30 alumnos seguiron estas ensinanzas. Así, a partir do curso 2012-13, os alumnos de Teixeiro que dispoñan do título de graduado en educación secundaria obrigatoria, terán a oportunidade de continuar os seus estudos en bacharelato na modalidade semipresencial. O alumno terá unha atención presencial do profesorado dunha hora e trinta minutos semanais por cada materia na que estea matriculado. Será o propio profesorado do centro o que impartirá as clases, realizará as avaliacións e cualificará ao alumnado.

Iniciativas didácticas máis aló das ensinanzas regradas

Nas EPA das institucións penitenciarias impártense os niveis educativos máis básicos de ensino, a secundaria e, cada vez máis, o bacharelato ou incluso a Formación profesional, coma no caso do centro de Bonxe, que oferta módulos do ciclo formativo de grao medio en Fabricación á medida e Instalación de carpintería e moble. Pero máis aló das ensinanzas regradas, os internos desenvolven tamén outras actividades didácticas que constitúen proxectos moi fructíferos para o seu desenvolvemento persoal. Deste xeito, desenvolven actividades que, pola súa calidade, están a ser recoñecidas con galardóns e constitúen proxectos de gran alcance mediático e institucional.

No caso de Teixeiro, a participación en obras de teatro ten unha gran acollida entre o alumnado. Tamén están a elaborar, co asesoramento de Centro de Formación e Recursos (CEFORE) da Coruña, unha páxina web do centro educativo no marco das webs dinámicas da Consellería de Educación. Ademais, está en marcha o Proxecto ANOCA (Aprender no cárcere), desenvolvido por profesores do centro en institutos da provincia da Coruña aos que acoden con alumnos autorizados, así como en facultades universitarias, onde se da a coñecer aos futuros docentes o ensino no cárcere.

Un factor fundamental no proceso de inserción social dos reclusos é o acceso á cultura, que actúa coma un axente de revalorización persoal e mellora a rehabilitación dos internos.   Estas iniciativas promovidas pola consellería de Educación, evidencian o interese do alumnado destas institucións por adquirir novos coñecementos e experiencia.