O conselleiro de Educación entregou os premios do XI concurso de cociña e coctelaría José Rodríguez-Moldes Rey

O certame, que premiou o labor dos estudantes de FP, celebrouse no IES Fraga do Eume e congregou a estudantes de dez centros
Xov, 04/03/2010 - 17:08

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, entregou hoxe os premios do XI Concurso de Cociña e Coctelaría José Rodríguez-Moldes Rey, celebrado no IES Fraga do Eume, na localidade coruñesa de Pontedeume.

O certame, no que participaron estudantes dez centros galegos con ciclos formativos de hostalería, constou de dúas competicións diferenciadas. Na parte referida á cociña, resultaron galardoados co primeiro premio Manuel Ángel Garea e Borja Buján Vilanuestre, do CIFP Compostela; e co segundo os estudantes do IES Fraga do Eume: Cristian Santiago Breijo e Marcos Alonso Barrio.

No referente á coctelaría, os mellores combinados foron os elaborados por Breogán Diéguez Ayán, do IES Manuel Antonio, que acadou o primeiro posto; e por Guillermo González Gómez, que quedou o segundo. Na categoría de carteis o seleccionado foi o de Ismael Calvo Caamaño. Todos os premiados recibiron cadanseu trofeo e diploma acreditativo, ademais dun premio en material bibliográfico relacionado con mundo da hostalería, a restauración e a gastronomía.

Tras facerlles entrega dos agasallos, o conselleiro de Educación felicitou aos alumnos e alumnas participantes polo seu esforzo diario na tarefa de acadar a excelencia na súa cualificación profesional. Neste sentido, animounos a seguir traballando para mellorar a súa capacitación e contribuír así á innovación na hostalaría e gastronomía galega.

Tradición e innovación

Durante a xornada de hoxe, os estudantes tiveron que desenvolver distintas probas. No caso dos que concursaron na parte de cociña, deberon elaborar un prato tradicional, nesta ocasión ameixas á mariñeira, no que o xurado valorou o sabor, a presentación e a textura, ademais da execución técnica. A segunda parte da proba consistiu na elaboración dun prato de creación utilizando como xénero principal a xibia. Neste caso, ademais do sabor e a presentación, valoráronse a orixinalidade da receita, e o fundamento do prato. En ámbalas dúas partes, a profesionalidade, técnica e destreza dos participantes influíron na puntuación acadada.

No certame de coctelaría, os concursantes elaboraron dous cócteles, un deles en vaso mesturador e outro en cocteleira, de entre 16 receitas que a organización adxudicou por sorteo. A limpeza no traballo e a destreza técnica na execución foron os aspectos máis valorados, aínda que a decoración e a axeitada orde dos ingredientes do combinado tamén contribuíron a aumentar a puntuación.

Despois de degustar algúns dos traballos elaborados para o concurso, Xesús Vázquez Abad felicitou a estudantes e profesores polo gran traballo que desenvolven no día a día nos centros de Formación Profesional, grazas ao que Galicia pode gozar de profesionais coa maior cualificación.

Esta foi a XI edición do concurso que naceu no ano 2000 como homenaxe a un profesor do centro o ano anterior e que da nome ao evento. Tras once anos o encontro vaise consolidando como unha xuntanza tradicional entre centros de Hostalaría. Este ano asistiron o IES Paseo das Pontes e a Escola da Asociación de Empresarios de Hostalería, da Coruña; o IES Compostela, de Santiago, o IES Carlos de Oroza e o de Vilamarín, de Pontevedra; o IES Manuel Antonio, de Vigo; a Escola de Ensinanzas Elementais da Escola Naval de A Graña (ESENGRA) de Ferro; e os IES de Foz e Sanxillao de Lugo.

No encontro estiveron presentes o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, José Luis Mira Lema; o director do centro, Anxo Lois Rodríguez Calvo; vicepresidente da deputación da Coruña Pablo Villamar Díaz; a viuva do profesor que da nome ao certame, Teresa Varela Filgueira; e o subdirector xeral de Formación e Orientación Profesional, Manuel Corredoira.

Tamén asistiron o delegado da Xunta na Coruña, Diego Calvo; e a xefa territorial de Educación, María Teresa Villaverde Pais. Ademais estará o alcalde de Pontedeume, Gabriel Torrente Piñeiro co que mantivo un encontro posterior para falar da situación dos centros escolares no concello coruñés.