A posta en escena da obra de Carlos Casares achégalles a lingua galega aos máis novos coa colaboración de Política Lingüística

Anxo Lorenzo participou esta mañá na presentación do Proxecto Toromelos, unha iniciativa da Fundación Carlos Casares e da ESAD de Galicia que pon en valor a literatura e o teatro infantil e xuvenil en lingua galega

Mar, 02/03/2010 - 15:23
Anxo Lorenzo e Gustavo Adolfo Garrido
Anxo Lorenzo e Gustavo Adolfo Garrido

A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora coa Fundación Carlos Casares e coa Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD) no Proxecto Toromelos, unha iniciativa que busca achegarlles aos máis novos a lingua galega a través da posta en escena da obra do escritor Carlos Casares.

Durante a presentación do proxecto, que tivo lugar hoxe na sede da ESAD, en Vigo, o responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, explicou que “a colaboración da secretaría xeral no Proxecto Toromelos se enmarca dentro das actuacións deste departamento dirixidas a fomentar o uso do galego a través de actividades literarias e culturais onde a lingua xoga un papel importante”.

O secretario xeral tamén destacou que, con esta iniciativa, ademais de axudar a promover o recoñecemento e a difusión da obra de figuras clave da literatura galega, como é Carlos Casares, “Política Lingüística segue a impulsar a extensión e a visibilización do galego en todos os ámbitos sociais, achegándoo á infancia e á mocidade a través do fascinante mundo do teatro”. 

A colaboración con entidades sociais para fomentar o uso da lingua galega

A Secretaría Xeral de Política Lingüística mantén unha colaboración permanente con aqueles colectivos sociais de diferentes ámbitos da sociedade co fin de contribuír ao desenvolvemento e á visibilización das súas principais actuacións a prol do galego. O obxectivo prioritario desta cooperación é favorecer a actuación de dinamización desta lingua desde unha perspectiva transversal e da implicación dos diversos axentes sociais.

A través da colaboración con Política Lingüística, a Fundación Carlos Casares realizou en 2009 preto dunha trintena de conferencias, coloquios, ciclos, seminarios e mesas de debate co fin de favorecer, en galego, o diálogo social sobre temas de actualidade.

O Proxecto Toromelos

O Proxecto Toromelos constitúe unha iniciativa de promoción da creación dramática e teatral, así como de posta en valor da lectura e da literatura dramática e do teatro infantil e xuvenil en lingua galega. Dirixido a escolares de toda Galicia, este proxecto iniciarase o próximo día 4 de marzo coa estrea de Lela anda en bicicleta, versión teatral do célebre conto de Carlos Casares e do conxunto da súa obra infantil e xuvenil. Unha historia na que se pon en valor a capacidade de autoaprendizaxe e a superación das propias limitacións.

Menús News node R