Cultura e Educación propón ás universidades conxelar os prezos das primeiras matrículas e graduar as subas do resto

Nun encontro cos vicerreitores de economía das tres universidades galegas reafirmouse a proposta inicial da Xunta no relativo aos prezos destes estudos

A Consellería busca de novo o consenso cos implicados na educación universitaria

Lun, 25/06/2012 - 13:52

Os responsables da Secretaria Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mantivo unha reunión está mañá cos vicerreitores de economía das tres universidades galegas, na que a Administración reivindicou a súa proposta de conxelar os prezos das primeiras matrículas. Do mesmo xeito a Consellería propuxo que as subas sexan graduais ao longo dos vindeiros tres anos.

Cómpre destacar que esta xuntanza continúa co espírito conciliador que Cultura e Educación ven demostrando desde o comezo da lexislatura. Neste caso foi o seguinte paso a dar tras o encontro mantido o pasado 14 de xuño entre o conselleiro, Xesús Vázquez Abad e os reitores das tres universidades galegas. En dito encontro, celebrado en Vigo, con Juan Casares, da USC; Xosé Luis Armesto, da UDC, e Salustiano Mato da UVigo o conselleiro fíxolles participes do resultado do encontro mantido o día 13 co ministro de Educación, Ignacio Wert, e comprometeuse a que a Secretaría Xeral de Universidades elaborase en poucos días un borrador do decreto de prezos públicos para o vindeiro curso. Dito borrador foi enviado o pasado mércores ás tres universidades para o seu análise.

A reunión de hoxe

O encontro de hoxe foi un novo paso para axuntar posicións respectos dos criterios a aplicar no establecemento de prezos públicos universitarios no curso 2012-2013. Na xuntanza, a Consellería fixo unha serie de propostas ás universidades, antes da redacción definitiva do decreto de prezos, que se presentará a informe na reunión do Consello Galego de Universidades do 2 de xullo.

Propostas da Xunta

A Consellería aposta por manter o prezo das primeiras matrículas de ensinanzas universitarias. Esas matrículas conxelaríanse, e os prezos serían os mesmos do curso 2011-12, sen variación algunha.

Ademais para o resto de matrículas (máster, segundas e sucesivas matrículas), quérese empregar sempre o límite inferior das forquitas establecidas no Real Decreto lei 14/2012, do 20 de abril, e conxelar os prezos de tódolos tipos de taxas de secretaría.

Entre as propostas que irán ao CGU o establecemento dunha pequena taxa polo dereito a exame de materias de plans a extinguir que no teñan xa docencia. Deste xeito eliminaríase así a referencia a unha porcentaxe do prezo da matrícula , coma ata agora, en beneficio do estudante. Finamente entre as propostas está a de graduar en tres anos a suba das matrículas de master, e segunda e sucesivas de graos e plans a extinguir. Deste xeito no 2015 xa se contaría cun  novo sistema de contabilidade analítica en base ao que se fixarían as taxas públicas.

Con todas estas propostas a Consellería de Cultura e Educación volve a demostrar, unha vez máis e a pesares da difícil situación económica, a súa aposta pola educación para todos e de calidade. O que xa quedou demostrado co conxelación de taxas no primeiro ano e o incremento mínimo permitido nos dous seguintes. Ademais a Xunta volve a apostar polo consenso con todos os implicados coa educación, neste caso concreto na etapa universitaria.

Menús News node R