Cultura e Educación achegaralles 500.000 euros aos concellos para a mellora das instalacións destinadas a actividades culturais

As axudas asignaranse para a realización de investimentos en equipamento, sistemas de prevención e seguranza, novas tecnoloxías, así como á mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas

Mér, 13/06/2012 - 16:59

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria anuncia a orde da convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia para a concesión de subvencións a concellos de Galicia e ás súas entidades públicas con personalidade xurídica propia, para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais.

As axudas destinaranse á realización de investimentos de equipamento escénico, iluminación e son, equipamento audiovisual, xeral de sala, sistemas de prevención e seguranza, e novas tecnoloxías, así como a accións encamiñadas á mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas. As axudas establecidas pola Consellería, a través da Secretaría Xeral de Cultura, están dirixidas aos concellos que promovan unha programación estable ao longo do ano, co fin de garantir unha calidade dotacional suficiente para poder acoller unha oferta cultural de calidade no conxunto dos concellos galegos.

A concesión das subvencións será avaliada por unha comisión que terá en conta como criterios prioritarios o fomento de novos usos do local, a finalidade concreta do investimento –dando preferencia a investimentos destinados a aspectos como a supresión de barreiras arquitectónicas, novas tecnoloxías, a seguranza e a extinción de incendios ou o fomento da lingua e da lectura–, o número de actividades culturais, a súa repercusión territorial e o nivel de autofinanciamento.

Mediante esta orde de subvencións, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria concederalles aos concellos galegos un importe máximo de 500.000 euros, cunha axuda máxima por beneficiario de 50.000 euros. Deste xeito, recupérase esta liña de apoio dotacional aos concellos, restablecéndose, así mesmo, o nivel de investimento do ano 2009.