Encontre a súa información...

VI Xornadas da Axenda 21 Escolar de Galicia o 8 e 9 de xuño de 2012: "O desenvolvemento das competencias básicas coa educación ambiental"
Ven, 18/05/2012 - 12:46
Axenda 21 escolar de Galicia

Celébranse as VI Xornadas da Axenda 21 escolar de Galicia os días 8 e 9 de xuño na EGAP, en Santiago de Compostela.

Este ano estarán enfocadas a “O desenvolvemento das competencias básicas coa educación ambiental”.

A realización de accións de educación ambiental é pedagoxicamente moi recomendable para o desenvolvemento do alumnado como persoas e cidadáns. Pero non se trata tan só dunha cuestión de conciencia persoal: a realización de proxectos e actividades que vinculan coñecementos do entorno do alumnado e que provocan relaccións de colaboración e análise de controversias, sen dúbida estimulan o desenvolvemento das competencias básicas do alumnado. Para a aplicación práctica do profesorado, están desenvolvidas nos currículos educativos (primaria: Decreto 130/2007, secundaria: Decreto 133/2007, ...). Por iso, axudar ao desenvolvemento das CB do alumnado forma parte do traballo docente.

Estas xornadas, con 10 horas de recoñecemento de formación do profesorado, están pensadas para que sexan os propios docentes os protagonistas, mediante as comunicacións de experiencias e os debates para elaboración de propostas non ambiente participativo e construtivo: máis dun 60% do tempo será de intercambio de experiencias e debates propositivos entre os asistentes.

Os obxectivos das xornadas son:

  • Reforzar a importancia da educación ambiental no sistema educativo.
  • Reflexionar sobre como reflectir os resultados acadados no desenvolvemento das Competencias Básicas do alumnado nos documentos programáticos como as memorias anuais.

Todo o profesorado está convidado a comunicar a súa experiencia participando como poñente, (admitimos tamén comunicacións do profesorado alleo á Axenda 21 escolar de Galicia). Para isto, débese remitir un resumo da proposta de comunicación antes do 31 de maio conforme a ficha anexa a educacion.sostible@gmail.com

O enfoque das comunicacións centrarase nos resultados acadados sobre o desenvolvemento das CCBB do alumnado: que aspectos se desenvolveron, como foron reforzados, que dificultades houbo, que dinámicas se empregaron, que evidencias, anécdotas ou indicadores de resultados favorables se produciron, como reflectilos na memoria anual....

Tamén se realizarán debates (en grupos según nivel educativo e areas temáticas) para suxerir posibles formas de reflectir os resultados en competencias acadados coas actividades de educación ambiental.